¿Facemos Galicia?

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

05 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O que chamaron urbanismo nos últimos cincuenta anos en Galicia non foi máis que un xeito caótico de ocupar o territorio, sen unha visión global, sen estratexia nin plan. E, sobre todo, ao servizo do automóbil.

O século XX foi o das máquinas, descoidando a idea histórica de cidade e deixando para as persoas os espazos que non eran necesarios para o coche, derrubando vellas casas para amontoar ás familias en monstros de formigón.

No século XXI xorden voces críticas sobre o sistema especulativo de crecemento e ideas de rexeneración urbana pensadas nas persoas. ¿Facemos Ribeira? é un exemplo que, seguindo os pasos de Pontevedra, se estende por Carballo, Lalín, Cangas ou Moaña: modelos de recuperación do espazo para mellorar a calidade de vida das persoas. O que agora bautizamos como facer cidade poderíase chamar desfacemos o que outros fixeron mal, pero aínda seguimos sen saber por que nos pasou a nós, a diferenza doutros lugares de Europa. Seguimos maquinando nas nefastas consecuencias que as vagas emigratorias causaron na nosa paisaxe, e no noso modelo de crecemento.

Máis árbores, máis bancos -ben colocados-, máis espazos para as persoas, que o espazo continuo sexa o de camiñar e non o de conducir, que os coches teñan que baixar a velocidade e dean prioridade aos peóns, son algunhas das claves do novo urbanismo das cidades. O seguinte paso será abandonar o modelo dos bloques de pisos e crear estratexias de transporte público eficiente, que aínda que non sexan rendibles economicamente si o sexan socialmente e con respecto polo medio ambiente e calidade de vida.