A universidade que nos cambia

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña xeración, a que naceu ao redor do ano 1976, foi a que, nas nosas comarcas, puido acceder por primeira vez á universidade de maneira xeneralizada, aínda que xa houbera unha limitada vaga anterior, a dos 60, impulsada cos cartos do mar e a emigración.

Eu fun o primeiro licenciado da miña familia máis próxima, de xeracións e xeracións de labregas e mariñeiros que traballaron na costa do noso país, deixando polo camiño ferrados de suor, ausencias, emigracións, terra e naufraxios. O noso escudo heráldico son o mar, as patacas, o agarimo polos animais domésticos, a intimidade cos que xa non están.

Será que por iso sinto a educación pública dunha maneira moi especial. É moi posible que se en Santiago non existise unha universidade de todos, moitos da miña xeración non terían accedido aos estudos universitarios. Por iso son profesor nunha universidade pública: porque quero contribuír a devolver o que recibín. Porque creo que a universidade é o mellor instrumento de cambio social cando pensamos na escala dos individuos. Por iso llo recordo aos meus alumnos que seguen sendo, na Facultade de Comunicación, os fillos máis idealistas da clase traballadora, cando os vexo demasiado despistados.

Estes días percibo que, alén do miserable combate político, hai unha escura forza interesada en cuestionar a propia universidade, non só as súas malas praxes. Que lle molesta a súa propia existencia. Porque sabe perfectamente o papel desta nos grandes cambios que se viviron nos últimos decenios.