Veni, vidi, vici

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

31 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheguei, vin, e vencín, expresión de Xulio César no Senado romano co gallo da batalla de Zela (ano 47 A.C.), non semella ser o caso de Pablo Casado flamante presidente dun PP que, por fin, puxo en práctica un sistema de primarias con case todas as bendicións democráticas, e non pola posición indómita de Soraya e seareiros, senón por ter anunciado un cambio de rumbo ideolóxico para a súa formación política, clara e perigosamente escorada á esquerda.

Eu non dubido da boa intencionalidade deste novo dirixente, pero moito me temo que non o vai ter doado, cando menos a curto prazo, porque, parodiando ao poeta estadounidense James Whitcomb Riley: «Cando vexo un paxaro que anda como unha gaivota, nada como unha gaivota e berra como unha gaivota, chámolle gaivota». Polo que endereitar os costumes das gaivotas populares ardua tarefa é. ¿Alguén contempla que o presidente Núñez Feijoo prescinda das dúas cadeas da TVG ou que calquera dos alcaldes do PP desta bisbarra baixen os impostos á veciñanza e practiquen a austeridade reducindo o gasto público? Cando iso aconteza diremos que as teses de Casado trunfaron.

Porque, aínda que o pareza, non resulta paradigmático que o señor Casado queira situarse no mesmo espazo da formación de Albert Rivera, xa que este soubo interpretar cara onde ían as tendencias ideolóxicas da meirande parte dos países occidentais e, incluso, dos emerxentes. ¿Significa isto que en España temos, pois, dous partidos liberais no mesmo espectro político? Non hai ese perigo, precisamente, mentres os da gaivota de sempre non se renoven e actualicen o seu discurso.