Debería estar prohibido alarmar con fins comerciais. Pareceralles pouco bombardearnos cada mañá coa caída do euro, coa prima de risco, a suspensión das pensións, os recortes sanitarios, o mal estado do ensino, co insalubres que son os produtos do súper ou coa nova atrocidade de Trump animando a unha guerra da que os miñaxoias europeos non se librarán, como para que nos veñan a redondear esa lista de atrocidades, barbaridades e intimidacións con alarmistas anuncios de alarmas.
Hoxe, cando a maioría dos fogares pasan varias horas ó día pechados por mor das necesidades propias dos seus moradores, xa sexa para ir ó traballo, ás compras ou simplemente a dar un paseo de media tarde para baixar o nivel de colesterol, as radios interrompen a súa listaxe de apocalipses para emitir anuncios animándonos a poñer unha alarma na casa polo que poida pasar.
Será por iso que eu, cada vez que saio da casa trato de agochar a maleta por se hai algún vixiante de despistados na esquina. A veciña do segundo dime que ela deixa unha persiana a medio subir para dar a sensación de que hai xente dentro, o do terceiro argallou poñer un flexo dirixido á fiestra do salón e conectado a un temporizador para que se vexa unha luz activa pola noite, e o do cuarto dereita contounos en secreto, durante a reunión trimestral no portal, que el deixa a radio espertador programada para que se acenda durante as horas de maior actividade ladroíza; e todo por non pagar os cen ou cento e pico de euros dunha alarma. Un negocio que se reparten máis de 1.500 empresas, que facturan preto dos catro mil millóns de euros ó ano.
Será por ter escoitado eses anuncios alarmistas mentres me afeitaba, que esta mañá, cando tiña que saír a mercar o pan, preferín tomar o tostado que gardo para un apuro por non deixar a casa soa. Logo rexeitei unha invitación ó cine pola mesma razón, e pola noite coloquei unha radio na porta, un flexo apuntando á mira, todos os pasadores corridos e unha cadeira de reforzo facendo cuña contra a asa da pechadura. Ata me vin en soños con armadura e alabarda vixiando para que non me roubaran o cobre do cableado eléctrico.
Fago cálculos e lembro cando aló polo final dos noventa empezaban a ser substituídos os policías e gardas civís das oficinas gobernamentais por seguridade privada, algo que se dicía que ía aforrar un montón de cartos ao Estado e a crear non sei cantos traballos, pero o que se aforrou por un lado gastouse polo outro e abriuse o apetito adquisitivo das empresas de seguridade, decididas a facer negocio á conta do medo co que nos bombardean.
Xa estou pensando en non ir de vacacións, como lle prometín ós cativos, e ata non sei se montar un solario no piso para non ter nin que baixar á praia. Vamos, que estou máis alarmado agora que teño diante dos ollos un catálogo de alarmas e outro de seguros contra roubos.