Mañá, 17 de Maio, celebra Galiza o seu día das Letras. É día de ledicia e de fe. Día comprometido, día de xura e compromiso na defensa da nosa lingua. Día para reivindicar que e quen somos. Mesmo para min, que acotío escribo en español sendo galego, tamén é día de anunciar que non por iso deixo de dar fe da necesidade de manter a vixilia diante dos atentados que de seguido sofren a escrita e a fala. Mañá é día de loita para aqueles que cremos que o idioma é o sangue que mantén vivo o espírito dunha nación. A única e senlleira idea que con cada sol e con cada lúa alumea a arela de liberdade dos pobos. E despois están os outros. Os da foto. Os que tódolos anos bican bandeiras, asisten a actos artificiais e se deixan ver polos lugares onde as gaitas e mailas pandeiras afirman e confirman o sentimento de que somos un pobo en por nós.
Hai anos que conservo un recorte de prensa deste xornal: O titular é: «El PP rechaza en el Congreso ampliar el presupuesto de la Academia Galega». A data, o 14 de novembro do 2013, a páxina, a 50, a sección, Cultura. Non sei como van as cousas agora. Aposto que peor. Estes son os da foto. Os que apuntan na axenda forrada con pel de año a obrigada asistencia aos actos protocolarios que quen corresponda organiza. Na súa axenda de pel de año, con man de lobo anotan a data. A mesma man de lobo coa que asinan negar axuda á nosa Academia. Dito isto, prégolle perdón aos lobos, pero é moi acaído aquí o simil do año e o lobo. Lograda a foto, cantado o himno coma quen canta unha rancheira, volverán ao seu niño. Alí gardan o que queren. Por un lado ti xa sabes e por outro, que queres que che diga?.