Terminoloxía

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

30 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que todo o mércores pola mañá a web e a aplicación móvil de Meteogalicia quedasen tiradas e impedisen consultar a predición do tempo para Semana Santa só ten dúas explicacións posibles: como un acto de piedade ou de covardía por parte dos técnicos. Explícome. Sabían ben da chegada do diluvio, así que ou ben se compadeceron aproveitando o clima (relixioso) destes días, ou decidiron calar para evitar a crítica dos hostaleiros, que xa teñen solicitado que os señores do tempo fabriquen algo de posverdade polo ben desas contratacións temporais que tanto alegran os telexornais e a fin de mes das ministras de Traballo. Abril, traballos mil. É o conto dos microclimas, que vai mallado. A primeira vez que escoitei falar deles, foi a Jesús Gil cando era alcalde de Marbella. A segunda, a algún rexedor de Sanxenxo.

Preguntei en Twitter se era o único en sufrir o fallo de Meteogalicia e alguén contestou:

«Xa volo digo eu: chove». E non señor, aquí dicir que chove é unha redundancia. Non é o mesmo que faga borraxeira, que babuxa, poalla, bategada, chuvasco, zarzallo ou sarabiada. Se orballa, podo subir á serra a comprobar como o goretex só é un pretexto para calcarlle trinta euros máis ao prezo dunha bota. Pero se treboa pódome achegar ao faro de monte Louro a verificar que o vento pode elevar sen esforzo masas humanas duns cen quilos. O problema de Galicia non é de clima senón de terminoloxía. Expliquemos aos turistas que non vai chover, senón que se sucederán patiñeiras, marmañas, cebriscas, borrallas e bátegas. Vannos saír madrileños ata por fóra do caldeiro, xa verán.