Un templo

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Amáis de un onte deulle que pensar o próximo peche do templo da comida caseira. Teresa Cruz, con ollos húmidos, dicindo que o vindeiro 31 pechará as portas do seu restaurante. Un establecemento emblemático durante decenios que deixa de servir eses menús eternos. Eses sabores que un ten impregnados na memoria como as tortillas da avoa ou guisos desas nais de tódolos tempos. Alí na Casa Cruz chegou, no seu día, o novo concepto de celebración de vodas, moitas delas pagadas con cartos de Suíza. Nese lugar, ademais de comidas familiares, comuñóns, bautizos, celebracións de empresa, despedidas de compañeiros de traballo, ten habido os primeiros mitins do actual réxime democrático. Alí estiveron Adolfo Suárez, Manuel Fraga, Paco Vázquez, Fernando González Laxe e moitos outros candidatos ou candidatas a cadeiras na carreira de San Xerome ou do Parlamento de Galicia, mesmo á presidencia da Xunta. Ben que ten loado Paco Vázquez os callos sabedores do día da feira. É unha mágoa que establecementos así acaben pechando. Un ten a sensación de que forman parte da vida dunha localidade ata que un día que ao seu dono ou dona lle chega o momento de descansar e non hai continuación dunha actividade rendible, valorada e estimada pola poboación e os visitantes. Alí hospedáronse mestres, comerciais, avogados e mesmo os arqueólogos que escavaron Dombate. Moitos ensinantes tiveron a súa homenaxe entre estas paredes, ou mesmo o arcebispo Maximino Romero e o bispo Uxío Romero. Na Casa Cruz presentáronse libros e houbo conferencias profundas e ata reunións veciñais. Un templo cargado de historia.