«Para o proxecto das Torres do Allo tiven que escoitar moito ao edificio»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O técnico explicou onte no pazo de Zas os criterios que rexiron a súa restauración entre 1999 e o 2003

15 oct 2017 . Actualizado a las 18:43 h.

Iago Seara (Ourense, 1948) ten vinculación coa Costa da Morte por tres motivos: foi o arquitecto que restaurou as Torres do Allo, asunto sobre o que onte deu unha conferencia no pazo zasense; fixo un informe apoiando a polémica actuación de César Portela en Santa María das Areas e promoveu a recuperación dos Batáns de Mosquetín.

-¿Que é o primeiro que ten en conta cando se enfronta a unha rehabilitación?

-O primeiro é deixarte invadir pola cantidade de información que o edificio ten e que te reporta continuamente e buscar as razóns fundamentais dese espazo construído e que leis ten. Non só no aspecto espacial ou decorativo, que as veces existen eses rexistros, senón nos construtivos. Unha vez que tes esa comprensión, que as veces é moi complexa, é cando empezas a ter unha idea e empezas a aplicar a diagnose de como se comporta e que aspecto ten de ruína, que no caso das Torres do Allo era moi esaxerado.

-¿Cales son as diferenzas entre conservación e restauración?

-Hai que conservar aquilo que é imprescindible, que é a razón de ser do edificio. Despois imos restauralo en función diso que está un pouco adormecido ou ben para que se poida poñer en funcionamento. Cando tes todos eses rexistros, toda esa diagnose xurden, case directamente, as propostas para telas como criterio no proxecto. Despois tes que poñerte nunha nova etapa que é a dirección de obra, pero para sorprenderte de novo porque coa obra moitas cousas que non aparecían no análise primeiro si saen alí. Ao final cada edificio, que é ao que quero chegar contundentemente, ten as súas razóns e as súas situacións e, polo tanto, ten o seu proxecto e a súa dirección de obra. Hai que ter en conta que normalmente un edificio está articulando un territorio e no caso das Torres do Allo, moitísimo. Hai que pensar que cando estas conservando ou rehabilitando estás tamén poñendo en valor ou redefinindo esa paisaxe e aí foi, ao meu modo de ver, onde houbo un resultado espectacular, desde a miña experiencia.

-Parece que quedou moi satisfeito do traballo.

-Non tanto polo resultado físico senón polo proceso. Tiven que escoitar moito o edificio, moitísimo. Preguntábame cousas, comunicábame cousas e tiña que ilas respondendo unhas tras outras. Iso, foi moi importante para min. As veces hai problemas que xurden que son de mantemento e conservación porque xa leva moitos anos. O outro día fun ata alí e, teño que ser sinceiro, funciona un pouco mal a cuberta, que creo que pode ser, honestamente, que o faga por falta de mantemento ou tamén porque resolver esa cuberta, con tantos faldóns a distintas alturas era difícil e ao mellor non puiden chegar a resolvelo tan ben como sería necesario. Isto é obrigado dicilo e o digo e punto.

-O problema que prevalece son as humidades.

-As humidades en Galicia precisan un programa de mantemento e conservación preventiva que ten que haber despois de entregarse un edificio. É algo que xa non me toca a min. Ao non poder sacar a uralita nin as cornisas había que resolvelo con moita delicadeza, co cal faise máis necesario ese programa de mantemento e conservación. Neste caso, resolver as cubertas e os canalóns foi moi complicado. Pode ser que eu fallara nesa resolución porque había que ter en conta a beleza desa fachada, que é belísima e actuar con precaución e cautela para que os elementos de recollida de auga non alteren esa arquitectura. Tes que axustar moito máis a solución e pode ser, teño que dicilo con honestidade, que fallei un pouco aí.

-¿É máis fácil traballar cun particular que cunha institución?

-Non, eu tiven experiencias con institucións coas que quedei contentísimo e tamén con amigos como Adolfo Domíguez ou Antonio Pernas. Tamén con algún que non quedou tan contentísimo comigo. O importante é que o cliente sexa intelixente e bo, sexa institución ou particular. Dicía Le Corbusier que para facer un bo proxecto imprescindible ter un bo cliente.

-As veces xuntar amizade a traballo non acaba ben.

-Si, pero a miña experiencia é que puiden traballar con gusto, investigando a nivel formal. O balance é moi positivo.

-O traballo dos arquitectos é moitas veces moi criticado, como o caso de César Portela. ¿Como vive vostede as queixas?

-Eu nunca tiven unha reacción crítica sobre algo tan excepcional, que fixera un problema tan grave a nivel público como o de César Portela que vostede cita. Eu fixen un informe dicindo que as características da intervención en Santa María das Areas eran totalmente axeitadas dentro dos procesos restauradores que están vivos neste momento. Discutir se un enjabelgado interior é adecuado ou non... Había restos doutros anteriores. Que a Administración e o arquitecto con parte da opinión pública decidiran facer iso é importante, porque estaba a absorber as sales da fábrica.

-¿Hai distancia entre o que ve a xente e o que ven os arquitectos?

-O malo sería que os arquitectos non visen máis aló. Os profesionais cumpren coa súa responsabilidade. Outra cousa é como se comunican iso aos usuarios. ¿Iso ten que facelo o arquitecto e en compañía de quen? Pero eu cría que iamos a falar de A Allo....

-Tamén houbo críticas, por exemplo sobre o uso da madeira...

- A madeira é un elemento que estaba presente en tódolos espazos interiores e na estrutura da cuberta, iso sabeo toda a veciñanza porque ademais recordáronme durante todo o proceso. O proxecto despois pasou por Patrimonio e pola institución pagadora e supoño que deron unha licenza no Concello.

-Supoño...

-O criterio da restauración era comprender as razóns construtivas, espaciais e estéticas que estaban aí dentro, comprendidas en como se implica nun novo programa e que incorpora ademais dos valores culturais e patrimoniais herdados.

-¿Por que decidiu a recuperación dos Batáns do Mosquetín?

-Era parte do meu traballo de xestión administrativa de alto nivel que me preocupara por iso porque creo que era imprescindible para a memoria colectiva e a identificación e a identidade dunha comarca. Niso son moi serio. Hai una herdade que por lei que di que iso ten que transmitirse ao futuro. É unha esixencia democrática que os propios usuarios non teñen claro.