Mosqueira

Vicente de Lema

CARBALLO

06 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxino a José María Mosqueira Manso de cativo mirando as ondas do Atlántico bater contra o Roncudo. Daquela aínda non estarían as tres cruces brancas que custodian a memoria dos náufragos que deixaron a súa vida nese fervedoiro de correntes producidas polos nervios do océano querendo engulir as rochas. Mosqueira quería navegar os mares do mundo dende pequeno. Teimaba con querer ver máis alá da tona azul da auga e descubrir os tesouros das profundidades. Levárono ao Seminario para ver se lle viña a vocación de crego, pero os rezos e as ladaíñas non conseguiron afogar a súa paixón polo mar. Acabou facéndose capitán da mariña mercante. Estudoso, aventureiro, oceanógrafo, ictiólogo, cartógrafo, técnico pesqueiro e ata primeiro presidente do Lar Galego de Venezuela. Escribiu moito e diverso, instrucións para patróns de cabotaxe, a fauna do litoral sahariano, cartas costeiras, o bioloxía da pescada e un dos máis célebres libros seus, La cuna gallega de Cristóbal Colón. Moitas das cartas pesqueiras e mapas da República Dominicana son seus. En Venezuela, onde deixou unha fonda pegada cartográfica, descubriu e catalogou os mexillóns xigantóns do Orinoco e mais as tartarugas albinas. E estudou as Ostras y perlas de Margarita. Marchara para o exilio pola guerra civil. Produciuse cando era subdelegado marítimo en Ribeira. Camilo José Cela inmortalizouno como o Capitán Cerdeira na novela La Catira. Hai dous anos cumpriuse o 130.º aniversario do seu nacemento. O ano que vén será o 50.º da súa morte. Nin no 2015 de fixo nada nin para o 2018 hai nada convocado, que se saiba. Esqueceranse outra vez?