Estelas romanas, sartegos e laudas: as nosas Rosettas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto A VOZ DO EXPERTO

CARBALLO

19 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Apedra de Rosetta é unha estela exipcia que contén un texto en tres tipos de escrita, e foi clave para comezar a descifrar os xeróglifos exipcios antigos. Está exposta, dende hai moito tempo, no Museo Británico e hai que pagar por vela, tocala está totalmente prohibido.

Galicia está chea de estelas romanas, sartegos con inscricións e laudas funerarias, moitas das cales nos permitirían descifrar os nosos xeróglifos antigos, as vellas inscricións que moitos galegos realizaron hai centos de anos con vocación de transmitirnos as súas vivencias e os seus costumes.

A diferenza -salvando a calidade dos rótulos- está en que no noso país non hai que pagar por velas, incluso cando se encontran dentro dun museo, como no caso de Noia. Moitas veces, esas inscricións nin sequera están descifradas. Pero o caso de Santa María de Noia é un luxo se o comparamos cos centos de bens culturais que hai ciscados nos adros das igrexas (Moraime e Iria Flavia, por citar dous deles) dos que moitos dos veciños nin sequera teñen coñecemento, dos que ninguén fixo un serio estudo epigráfico.

Tal vez se as metemos nun edificio e cobramos a entrada co tempo acabamos valorándoas, pero é necesario investir na súa investigación e na súa divulgación, dando traballo a historiadores para o primeiro e a guías para o segundo.

Un país que enche os telexornais con estatísticas turísticas e que pensa que este sector é a panacea na que apoiarse para o futuro non pode esquecer que a esixencia cultural dos viaxeiros é cada vez máis alta, que non vale con contarlle catro historias -que moitas veces son mitos ou crenzas-, e guiarlles por paisaxes culturais. Un turismo de calidade busca contidos de calidade, da historia do lugar.

Para os que pensamos máis no pobo galego que nos viaxeiros, esas pedras representan a nosa memoria histórica que conforma parte da nosa identidade como pobo. Son as nosas Rosettas.