Nos faiados da Trabe durmían as coruxas. O vello que moraba neles, ao chegar a noite, un pouco despois de espertaren os morcegos, abría a fiestra e a coruxa voaba polas hortas, os ribazos, procuraba ratos na beira dos regos. Ao amencer, regresaba antes dos moradores da casa espertaren e procuraba abeiro no recanto máis escusado. Pregaba as ás e, moi queda, botaba a durmir. A miúdo e polas tardes, despois da escola, os rapaces da casa subiamos ao faiado e disfrazabámonos con puchas, chapeus, faldras de cores esvaídas, chaquetas, roupas de mariño. O faiado era un escenario no que gustabamos de representar escenas das películas que viamos no cine A Vieira. Cadaquén procuraba unha personaxe do seu gusto, e por veces discutiamos. Mais polo común acordabamos conformes un papel para cada un. Unha vez quixemos representar aquel film de Raoul Walsh no que Gregory Peck era o valente capitán dun navío cazador de focas. A min tocoume facer da personaxe de Anthony Queen, aquel portugués barulleiro e tramposo, que ría sen acougo. Eu vestía a chaqueta dun tío avó meu, vello mariño dos mares antillanos. Remexín nos farrapos, so as trabes máis baixas, e botei man dun pano vermello que ía me servir como faixa na que gardar un puñal. E daquel embrollo de panos ergueu de súpeto o voo a coruxa. Como unha aparición. Un pequeno ser fantasmal e branco que nos deixou espantados. Todos nos botamos a correr cara a porta. Nin sei quen abriu a fiestra, se cadra o vello dos faiados. A coruxa saíu voar entre a ramalla do xardín, ou as polas máis altas da nogueira. Non lembro a quen lle tocara o papel daquel esquimó, pequeneiro, groso, fortísimo, que só dicía «Vou, Vou» imitando a fala das focas. Sempre o recordei naquela divertida escena do baile, botándose contra os requintados cabaleiros, vestido de frac e cheirando a aceite.