Cuba, poetas

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

CARBALLO

02 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Despiden estes días os cubanos a Fidel Castro, unha das figuras políticas do século XX. En 1997 seis poetas do Batallón Literario acudimos á illa caribeña para participar na V Festa da Cultura Iberoamericana celebrada en Holguín. Gardo un grato recordo daquela viaxe pois supuxo para

moitos de nós unha experiencia inesquecible que nos permitiu forxar vínculos cos novos poetas cubanos e colaborar en iniciativas literarias en común, tal é o caso do libro Mar por medio que prologou Neira Vilas. A expedición galega, comandada por Rafael Mouzo, integrámola persoas de diversas disciplinas artísticas: escritores, actores, músicos, directores de cine e poetas. En representación do BLCM acudimos María Lado, Xavier Fidalgo, Abel Méndes, Mónica Góñez, Suso Bahamonde e un servidor para facer soar no Caribe os versos dunha fala milenaria, a nosa, tan doce e melodiosa para os finos oídos dun pobo que vive para a música. Canda nós, Uxía, Quico Cadaval, Xosé Lois Romero, Pedro Lamas e Xesús Vaamonde, entre outros. Nunca esquecerei o cálido recibimento que tivemos á nosa chegada ao aeroporto José Martí cos nenos e nenas cubanos vestidos con traxes típicos galegos. Nin o trato exquisito con que fomos tratados polas autoridades políticas e intelectuais do país; desde o vicepresidente Gallego Fernández pasando por ministros como Abel Prieto ata escritores do prestixio de César López, Aitana Alberti e Pablo Armando Fernández. O pasado 25, Fidel, de estirpe galega, heroe da Revolución Cubana, embarcou con Caronte rumbo ao descoñecido. O curso da Historia será quen ditamine a súa absolución.