Aquel día que soñei con poder traballar de actor

Santi Romay

CARBALLO

José Manuel Casal

«Que eu estivese alí foi un punto de despegue moi necesario. Despois desta función, viñeron máis?»

13 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordo ver encima do escenario a dous actores improvisando coa única luz dunha lanterna. Tan só tiña once anos. O que se convertera nun imprevisto técnico acabou sendo das funcións máis memorables que vin nunca. Algo que hoxe en día aínda me fai pensar no que realmente significa ser actor. O sitio non se prestaba para facer teatro, a noite non era apacible e as cadeiras ata diría que molestas para os cadrís, pero o bo facer daquelas dúas «bestas» escénicas suplía con creces as incomodidades daquel sitio. Anécdota, que anos despois, lendo o gran Grotowski, me levou a comprender o que significa o teatro na súa esencia; o que el cualificou de teatro pobre, dándome a entender que do único que non podemos prescindir nunha posta en escena é da relación entre o actor e o espectador. Todos os demais elementos escénicos axudan a que o espectáculo medre pero non son indispensables para facer teatro.

Entreter

Aquela noite asistín a esa relación entre dous actores e unha sala ateigada de espectadores. Aquel espectáculo, ademais sustentado pola falta de luz que impedía velos poucos elementos escénicos dos que dispoñían, aportaba énfase no traballo do actor. Digo isto porque sempre pensara que ser actor era traballar con grandes comodidades e en grandes teatros ou baixo grandes equipos ou para grandes produtoras? E recalco a palabra «grande», pois é a sociedade a que pon o actor como figura aclamada, provocando nel egos que o poden dispersar do que significa a esencia do seu cometido: entreter. Interpretar é iso, adaptarse ó medio, o actor fórmase desta maneira e axuda a educar os seus egos. Durante a hora e media, máis ou menos, que durou aquela fantasía para os meus sentidos, puiden comprobar a capacidade de captación que pode chegar a crear o actor (neste caso dous), abstraéndome da realidade e levándome a un mundo de risas e emocións propias dun universo creado pola interpretación; xogando con eles mediante a imaxinación propia dun rapaz que ten inquietudes mentais.

Sorte

Despois desta función, viñeron máis... Moitas máis. Aquel día, e se cadra propiciado polo imprevisto da luz (quen sabe), a curiosidade pola interpretación e o teatro foise espertando en min cada vez máis. Nese momento aínda non tiña claro o de ser actor, aínda que xa estaba na escola de teatro, pero que eu estivese alí aquel día foi un punto de despegue moi necesario. Logo é cuestión de traballar e que teñas aptitudes e capacidades propias para a interpretación. Supoño que moitos rapaces que van ver a Messi ó campo, e o ven marcar tres goles, quererán ser futbolistas, pero non só está o soñar, senón o traballo diario e o factor sorte. Aínda que o primeiro tamén é importante.

Hoxe en día eu traballo como actor, e non só motivado polo traballo diario senón porque persoas como aqueles dous actores que vira anos atrás me fixeron «soñar» coa posibilidade de que algún día podería facer algo así. A vida regaloume a condición de poder poñerme na pel de miles de personaxes como os meus dous referentes. Referentes que ademais de grandísimos actores, hoxe son grandísimos amigos e compañeiros de traballo dos que sigo aprendendo: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa).

DNI. Santi Romay Lema naceu en Malpica no 1983. Dende aquel tempo no que foi o bulideiro «Fito», de Mareas Vivas -na imaxe, con Isabel Blanco- pasou por diversas series e, sobre todo, fixo moito teatro. Hai nada, visitou o FIOT carballés como protagonista da obra «O tolleito de Inishmaan». É, ademais, entre outras cousas, organizador do Nordestazo.