Esta crise económica tiña que ter valido para moitas cousas: entre elas, para sensibilizarnos de que non podemos basear a prosperidade das nosas comarcas no cemento e o tixolo, pero tamén para cambiar a cultura do emprego e fomentar a maior presenza de innovadores en todo tipo de ámbitos. De feito, os políticos enchéronse a boca con iso do emprendemento, gastaron un monte de cartos en facer congresos con charlas de dubidosos e prepotentes gurús, tentando inocularlles aos pobres rapaces que se botaran valentemente ao monte da empresa privada e, sobre todo, enganándoos. Porque no fondo iso foi o que se fixo e se segue a facer.
A lexislación, a fiscalidade e o apoio ás pequenas empresas e autónomos na comunidade autónoma galega e no Estado é de escándalo. Quen temos algún coñecido ou familiar no réxime de autónomos sabemos como é esa tortura: xa non unicamente as cargas fiscais ás que están sometidos, senón sobre todo a ausencia de comprensión, de humanidade, de negarse a entender como funciona esa opción laboral.
A propia Administración, que tarda meses en pagar ao autónomo, obriga a este a anticipar a Facenda e á Seguridade Social os importes tributarios que ela mesma tarda en satisfacer. Así que vivimos na sinrazón de que os autónomos están a financiar ao Estado a custe cero de interese, coma na peor novela de negreiros e escravos, a base dos seus aforros (se os teñen) e sobre todo endebedamento persoal. E os nervios, a tensión e o desamparo. Todo o que non queda rexistrado nos fríos papeis da Administración.