«Non o considero un paso atrás, ao revés, é unha forma de seguir progresando»

F. Rodríguez, T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Toni Longueira

O gardameta carballés acaba de asinar por unha tempada cos de Pasarón de Luisito

02 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

 Aos seus vinte anos, o carballés Santi Canedo Vilariño é todo un veterano e trotamundos do fútbol. Estivo nas Escolas Luis Calvo Sanz, no Deportivo, no Atlético de Madrid e no Sevilla B. Precisamente con este último equipo, co que acaba de rematar contrato, logrou hai uns días un inesperado pero loitado ascenso á Segunda División contra o Lleida na rolda de penaltis. Agora Santi Canedo inicia unha nova etapa no Pontevedra que dirixe Luisito. Firmou por unha campaña, aínda que espera que non sexa a última. Lonxe de tomalo como un freo á súa carreira futbolística, tómao como un reto: «Non o considero, nin moito menos, un paso atrás, ao revés é unha forma de seguir mellorando. Aínda son moi novo. Outros porteiros comezaron a destacar aos 24 e 25 anos, teño marxe de mellora». Santi Canedo estivo onte en Radio Voz Bergantiños para explicar as súas sensacións, do seu pasado e, sobre todo, do seu futuro máis inmediato.

-¿Como se fraguou a súa fichaxe?

-Remataba contrato co Sevilla B e xurdiu esta oportunidade e non o pensei dúas veces. A verdade é que despois de tantos anos fóra da casa a un apetécelle estar un pouco máis preto dela.

-¿Tiña morriña?

-Si, bastante.

-¿Falou xa co novo adestrador e os compañeiros?

-Con Luisito si que falei. Comentoume o seu proxecto e decanteime por el. A verdade é que o Pontevedra está a confeccionar un gran plantel para intentar facer un bo papel.

-Falan en Pasarón incluso de ascenso.

-Creo que temos que ir partido a partido. Estase facendo unha boa plantilla pero o obxectivo en Segunda B é acadar os puntos necesarios para manter a categoría e logo pensar en metas máis altas. Pero, repito, creo que o mellor é ir partido a partido.

-¿Coñece a algún compañeiro?

-Si, a Miguel Loureiro da nosa etapa nas Escolas Luis Calvo Sanz. Faloume marabillas do Pontevedra e o que representa este club.

-Con apenas vinte anos pasou polo Deportivo, Atlético de Madrid e Sevilla B. ¿Que experiencia garda de cada club?

-A verdade é que todas son positivas. En todos os equipos aprendín moito. Poder estar con xogadores da talla de De Gea permíteche aprender moito. Teño que dicir que De Gea é un referente como porteiro, do cal aprendín moito.

-E por riba convocado polas seleccións Sub-16 e Sub-17.

-Se lle digo a verdade, cando me convocaron por primeira vez non o cría. Acababa de chegar ao Atlético de Madrid e para min todo aquilo era un soño. Era como un belíscame que non mo acabo de crer. Estiven en Suíza, Italia, Eslovaquia... Era estar cos mellores e competir contra os mellores doutras ligas. Foi unha gran experiencia que me serviu de moito.

-O Deportivo busca porteiro para a próxima tempada.

-Xa [sorrí]. Pero aínda hai tempo. Teño que centrarme no Pontevedra, en facelo ben, que o adestrador e os compañeiros confíen en min e todo irá xurdindo. Pero hai que traballar e facelo ben, se non, de nada serve todo isto.

-¿Cando se incorpora á disciplina do Pontevedra?

-O día 18 de xullo.

-¿Está cargando as pilas estes días?

-Si, aproveito estes días de vacacións para desconectar, para relaxarme e poder estar coa miña xente. Farei unha viaxe dentro duns días e logo tocarán os adestramentos e a volta á rutina de traballo diaria.