Xente atada á comedeira

Ramón Vilar Landeira

CARBALLO

«Ao longo dos séculos mudaron as armas (pasamos das espadas aos drons) pero algunhas outras, como o medo, seguen sendo igual de efectivas»

08 may 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

 

En 2007, Naomi Klein publicou A doutrina do Schock, un ensaio no que se analiza como o medo pode ser unha arma determinante nas batallas ideolóxicas. A súa tese é que dende a década dos sesenta os defensores das políticas económicas ultraliberais ensaiaron técnicas de psicoloxía social para lograr sacar adiante reformas económicas impopulares.

O libro de Klein non deixou a ningún lector indiferente e, como era de esperar, ergueu amores e odios a partes iguais. A vella dialéctica dentro do sistema capitalista: a un lado os que cren que a política debe intervir decididamente na regulación dos mercados e do outro os que pensan todo o contrario. Keynesianos contra friedmanistas.

Deixando a un lado as diverxencias que provocou a xornalista canadiana, o que ninguén discute é que as emocións son armas moi poderosas. Somos seres emocionais. Sábeno os expertos en comunicación política, os publicistas en xeral e tamén os servizos de intelixencia. Na batalla das ideas ou na guerra pura e dura é fundamental mover ben os fíos do medo. Non hai marxe para o azar, todo está planificado. Cómpre recordar as películas da nosa infancia. Alá polos primeiros anos oitenta todos os malos malísimos das películas falaban ruso ou tiñan puros e barbas caribeñas. Non poño en dúbida que o cine que vían os rapaces do outro lado do muro de Berlín fose igual de maniqueo.

Pero o recurso do medo segue vixente hoxe en día. Véxase a denominada guerra contra o islamismo radical. Por un lado, os nosos gobernos occidentais fálannos do perigo dos bárbaros e da necesidade de combatelos (a excepción do mundo dos negocios, aí si que hai acordos). E para iso é importante que esteamos dispostos a ceder parcelas dos nosos dereitos e liberdades. Non é curioso que queiramos librar unha «guerra pola liberdade» e que comecemos por limitar a propia? Dende logo, algo non encaixa, ou igual é que encaixa demasiado. Dende o bando contrario tamén se utiliza o medo ata o paroxismo. Acaso buscan outra cousa os vídeos que o Estado Islámico publica en internet?

Dende logo non vivimos no mellor dos mundos posibles, pero se repasamos a historia aprendemos que os cambios a este respecto non son substanciais. Ao longo dos séculos mudaron as armas (pasamos das espadas aos drons) pero algunhas outras, como o medo, seguen sendo igual de efectivas.

A razón é que son tan vellas coma o ser humano. Hai máis de cincocentos anos, Maquiavelo deixou escrito que os gobernantes tiñan só dous xeitos para que os súbditos os obedecesen: facéndose amar ou facéndose temer. Daquela non había alternancia, pero se o estadista florentino puidese reeditar O Príncipe a día de hoxe, de seguro que escribiría que as fórmulas son tres: facerse amar, temer ou, aquí a novidade, facer que temamos aos demais.

Agora que estou chegando ao remate do artigo, non me explico moi ben a que veu este rebumbio no que entraron Klein, Keynes, Friedman e Maquiavelo. Eu só quería falar da inquietude que provocou a vaga de roubos dos últimos meses. O que pretendía narrar era moito máis sinxelo. A anécdota dun veciño que escoitou ladrar o can onda a súa corte.

-Moito botei en falta non ter unha escopeta de cartuchos. Aínda así, collín o gabillo e fun ata alí.

Afortunadamente, non había ninguén. Todo fora unha falsa alarma.

-Mellor así, imaxina que pasaría se atopas un ladrón?

Quedou calado uns instantes. Cando xa non o esperaba, verbalizou aquel hipotético diálogo.

-Espera aí, que te ato na comedeira!

PS: Creo que xa lle busquei un fío argumental a este texto errático e ata para min mesmo un tanto imprevisible, paso a resumilo no título.