A meu sogro

Mercedes Queixas IN MEMORIAM

CARBALLO

De todo canto vive só eu sei que a existencia é un don marabilloso: ás veces faise o resplandor e a fermosura ilumina o universo. Mais cando esmorece o cintilar da nosa luz a noite chega a nós. ???Entón a tristeza. Manuel María (1929-2004).

A vida apréndenos a querer, día a día. A vida obríganos tamén a estrañar, día a día. Mais ninguén de noso desaparece mentres alentemos o seu nome propio, o seu sorriso expresivo, o seu esforzo continuo, o seu criterio experimentado, o seu sufrimento inxusto, a súa complicidade próxima, a súa memoria reflexiva, os seus silencios, a súa lingua viva? A lei de vida impúxose e acordou o punto e final para a compaña física co home compañeiro, co pai, co sogro, co avó, co irmán, co tío, co padriño, co cuñado, co curmán, co amigo e veciño. A lei de vida abriu un punto e á parte para reiniciarmos agora un novo convivio, en ausencia, coa súa grandeza humana herdada, á calor dos afectos sentidos e das lembranzas compartidas que permanecen en nós como fotos fixas imperecedeiras. [Na memoria do meu sogro, Julio Ramos Rodríguez, con quen tiven a inmensa fortuna de aprender ao compartir con el estes últimos vinte e seis anos da miña vida].