«Para min a gaita é unha forma de vida»

La Voz Á. PALMOU

CARBALLO

A formación animou hai dúas semanas o desfile do Día da Muiñeira

17 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2012, o mesmo día que cumpriu os 18 anos David Puñal constituíu a súa propia banda de gaitas, Lembranzas de Bergantiños, unha formación que en só tres anos xunta xa a medio cento de rapaces e que hai uns días xa desfilou por Carballo para poñer música ao Día da Muiñeira da asociación Nemeth.

-¿Como foron os comezos do grupo?

-A verdade é que desde que empezamos sempre tivemos moitas actuacións e ademais parece que hai un bum da gaita: viñeron un lote de nenos novos.

-Aínda así, parece que a boa saúde da canteira non ten reflexo no eido profesional.

-Así é. Para tocar a ese nivel a cousa está bastante difícil, pero a min gustaríame poder dedicarme profesionalmente á gaita no futuro.

-Con 21 anos xa é todo un veterano.

-Algo así porque levo máis da metade da miña vida tocando a gaita. Empecei con 9 anos con Francisco Calvo Regueiro de profesor, que era o máximo, tiña un don para ensinar. El foi o que me fixo entender a gaita como unha paixón e quen propiciou que para min non sexa unha afección, senón unha forma de vida. Se estou triste, toco a gaita; se estou feliz, toco a gaita; se vou de festa, toco a gaita...

-¿Que opina do Festifolk?

-É unha iniciativa xenial porque permite dignificar o instrumento e contribúe a que se respecte a nosa cultura porque ás veces á xente non valora suficientemente o propio: hai quen escoita pop, rock ou hip hop porque son de fóra e esquece a nosa música.