Certificado de morte da caza

modesto garcía quintáns

CARBALLO

A cazadora larachesa María Pedreira, de 20 anos, o domingo no que se iniciou a tempada de caza.
A cazadora larachesa María Pedreira, de 20 anos, o domingo no que se iniciou a tempada de caza. ana garcía< / span>

Crónica da evolución desta actividade dende o ano 1958

07 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

«Coa colaboración e a axuda das Administracións e dos cotos aínda se pode recuperar»

Somos un grupo de cazadores da parroquia de Buxantes (Dumbría), algún deles con moitos anos de monte. O primeiro día de caza quedamos sorprendidos pola inexistencia de caza e, ás once da mañá, aburridos, marchamos para a casa. Os demais días xa non fomos ao monte. O que vos vou a contar é un desafogo persoal impulsado polos 56 anos que levo cazando ininterrompidamente e, nunca vin cousa igual.

Por iso, quérolle recordar aos novos cazadores que teñen por diante tempos moi duros, pero coa colaboración e a axuda das Administracións e dos cotos aínda se pode recuperar este tesouro que tanto apreciamos, o noso deporte favorito. Vouvos contar un pouco a evolución da caza desde o 1958, que foi cando comecei.

Eu tiña unha escopeta dun caño, calibre 16. Os cartuchos recargábaos en vainas de cartón con pólvora negra e atacados con recortes de periódicos. Máis ben eran minicartuchos gardados no peto con coidado de non mollalos para evitar desatascar a escopeta cunha vara. No disparo deixábase unha estela de papeis que marcaba a dirección da peza. Pero estes minicartuchos facían «pupa» como os modernos de agora. Saía da casa co can nun percorrido que non superaba o radio de dous quilómetros. Os domingos era obrigatorio asistir á misa e ninguén se escandalizaba por levar a escopeta para dentro da igrexa e o co can sentado na porta. Non facía falta desprazarse moito para topar con coellos, perdices e lebres.

Os tempos foron cambiando; as armas e os cartuchos fóronse perfeccionando. Aparecen as semiautomáticas de cinco tiros e comezan a desaparecer os «ferranchos», que daban mala imaxe. Algúns destes cazadores, con alto poder adquisitivo, tiñan o costume de disparar polo monte a diestro e siniestro, desprestixiando ao verdadeiro cazador, polo que foron bautizados como «escopeteros». A concentración parcelaria modificou o territorio.

As devesas, ribazos, pedregais que eran lugares de refuxio, son achantados para labradíos e praderías. As pistas forestais romperon a tranquilidade salvaxe. Isto deu orixe a moverse en coche, desmantelando nun día os bandos de perdices do entorno. Os animais de pastoreo libre como eguas, vacas, ovellas, que abrían camiños e producían fauna como diminutos bichiños e carroña, desaparecen do monte. Os manantiais son captados para as aldeas e cuadras modernas sen deixar sobrantes. Déixase de sementar o trigo e o centeo nas estivadas. Non se coce pan nos fornos de leña. O millo do pais é substituído polo americano. Desaparecen as cañeiras e as cortes alimentadas con mato. Ás praderías pónselles abonos granulados. Entón aparecen os cotos co fin de controlar e de mellorar a cinexética.

O monte volveuse unha tupida selva, quedando como espazos libres as cunetas das pistas forestais. Este desaguisado ambiental modificou os costumes dos animais cinexéticos, principalmente a perdiz, que se alimenta de «gran». Isto fixo que a raza autóctona desaparecera en moitos cotos. Fai uns cantos anos que apareceu outro grande inimigo: a «peste dos coellos», mermando moitísimo a poboación con tendencia a desaparecer a nosa raza. Todo o peso económico recae na actualidade nas directivas, que tratan de contentar aos socios repoboando animais con garantías dubidosas.

Todos sabemos que o monte se encontra en estado selvático. O toxo invade todo, matando moitas plantas de interese botánico e cinexético. O lume cando se «descontrola» arrasa con todo. ¿Que hai que facer para que isto volva recuperarse? Que o goberno da Xunta, a Federación de caza e os cotos tomen cartas no asunto sacando un protocolo de actuación e buscando un remedio para eliminar a peste dos montes. Os cartos recadados en cotas e licencias, que son moitos, que recaian na protección da caza e do cazador. Sabemos que tanto a perdiz como o coello escapan dos espazos con limpeza mecánica polo que debe substituírse por «queimas» controladas en períodos determinados, modificando algunha normativa das fincas privadas para a súa execución.

Modesto García é cartógrafo xubilado do Instituto Geográfico Nacional, cazador e grande camiñante