«O mellor xeito de aprender é tocando con outra xente»

M. R. Á. P.

CARBALLO

A festa regresa hoxe (desde ás 11 horas) ás ribeiras carballesas do Anllóns coa primeira Foliada do Bosque. Roberto Pose, Garban, guitarrista de The Cerne é o presidente da asociación cultural creada para organizala, Foliada Galega.

-¿Como xurde esta festa?

-Participando noutras e vendo que por aquí cerca non había nada polo estilo. Falamos co Concello e dixeron que era mellor organizala a través dunha asociación, así que creamos Foliada Galega. A idea é que se celebre cada primeiro sábado de setembro.

-Comezan xa cunhas cantas caras coñecidas

-Si, aínda que ao final non vai poder vir ninguén de Quempallou, si virá xente de Habelas hainas, de Xacarandaina, de Cántigas da Terra, ademais de Bieito Romero..

-¿A quen vai dirixida?

-Está aberta a afeccionados e a profesionais, a todo o mundo, porque, ademais, o mellor xeito de aprender é tocando con outra xente e sen presións. Alí, tocas cando queres e cando non, paras, e cambias de instrumento se che apetece.