Ofútbol é paixón. Pero hai quen sente verdadeira aversión por este deporte e todo canto leva consigo. O contrario son os fans e mesmo os tamén chamados hooligans, que son quen de romper o que faga falta sen máis motivo ou razón ca derrota do seu equipo ou unha inxustiza arbitral.
Estes días hai fútbol a botar polas orellas. Entre o Mundial, no que España fixo un papel moi malo, se ben tamén Italia, Portugal e Inglaterra pouco máis teñen de que gabarse, e a Copa da Costa estamos ben servidos. O balón no para. E se os homes de Del Bosque obtivesen outros resultados, posiblemente neste país no se tivesen dado na rúa e nos medios moitos dos debates políticos coa forza que se están producindo.
A mágoa é que é fácil entender o fútbol, pero non tanto aos futbolistas. O seu comportamento non se corresponde coa súa posición económica e social. Onte mesmo, os xogadores da Selección deixaron tirados aos seus seareiros no aeroporto de Madrid. Estábanos esperando para animalos e pedirlle autógrafos e fotos e fuxiron por onde puideron. Algúns integrantes do equipo xa tiveran comportamentos censurables nos últimos días. Incluso algún parece que se negou a xogar incomodado porque o adestrador non o puxo contra Chile.
Nesta vida está permitido gozar das cousas boas, pero estes homiños que gañan moreas de millóns por lle dar patadas a un balón deberían ter outro tipo de actitudes. Hainos que nin sequera están ao día coa Facenda. O seu comportamento, a pesares de viviren coma reis, non é o máis adecuado en moitas situacións. Esta fin de semana estivo en Carballo, no Campionato de fútbol 8 infantil, Abelardo, exxogador do Barcelona, exinternacional e agora adestrador do Sporting de Xixón. Seica o invitaron á entrega dos trofeos, e nin tan sequera, coma to can. Estaba co seu fillo, membro do equipo asturiano, pero iso non quita que tivese outro tipo de actitude, pois viviu e segue vivindo, seguramente moi ben, do público. Ese que tanto perdoa.