«Vir sen contrato é un risco grande»

La Voz

CARBALLO

03 abr 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

Susana Pallas Pallas (45 anos), de orixe cercedense aínda que criada na Coruña, vive no cantón de Lucerna (Suíza). Leva neste país 16 anos seguidos, e xa antes estivera dende os 10, pero non continuados. Traballa no veciño cantón de Obwalden, un dos dous con menos paro de todo o país (o outro é Nidwalden, xusto ao lado): só un 1,1 % de taxa. E iso que está alto, porque o ano pasado andaba polo 0,9 %, algo imposible de soñar en España, e case no resto de Europa.

Susana Pallas é a segunda encargada dunha lavandería nun hospital de Obwalden, e nunca lle faltou emprego. Nin ao seu entorno: «En Suíza sempre houbo pouco paro, pero agora xa hai un pouco máis», explica sobre a situación.

Non sabe o motivo polo que en Obwalden hai tanto emprego, se cadra por ser un lugar moi pequeno: «Aquí sempre se precisou man de obra estranxeira», indica. Coñece casos de xente que chega buscando traballo , e ten escoitado falar de algúns que ata dormen nos coches: «Vir sen contrato é un risco moi grande. Non se pode vir a gastar os aforros ao tolo, hai que intentar atopar algo antes dende España», aconsella.