Aló polo ano 1985 participei no enterro da Sardiña en Baíñas, organizado daquela pola asociación cultural Vencello. Rematabamos aquel acto na vella praza, cantando as coplas correspondentes, escoitadas atentamente polo numeroso público asistente. O pasado sábado día 8, 29 anos despois, achegueime novamente a Baíñas para celebrar, neste caso como espectador, o peche do entroido. Fun un de tantos veciños e veciñas que dende as beirarrúas disfrutamos, impresionados, do desfile de seis comparsas, cinco grupos, e máis dunha veintena de disfrazados individuais. Un total de máis de 400 participantes que inundaban literalmente todo o percorrido, dende O Outeiro deica ao pavillón do colexio, ofrecéndonos todo un mosaico variopinto, pleno de colorido e son, e convertendo a noite de Baíñas, durante varias horas, nun escenario fantástico, máxico.
Por alí desfilaban as Trubisquiñas, movendo ficha; Buxantes Calidade, co seu avatar; os Liñaios Wars de Negreira, e o seu exército galáctico; as Dancetekas, co seu monumental mareas misteriosas, recoñecida como unha das comparsas máis elaboradas deste entroido na Galicia. Á súa vez, uns 60 nenos de Baíñas compuñan outras dúas comparsas, A caixa de música e Baíñas control policial. No referente a grupos, desfilaban os Para mariñeiros nós, de Caxadas- Castrelo; e máis catro grupos de Baíñas: Natación Sincronizada, Os de Verde, A parella feliz, e Manolete, se non sabes torear pra que te metes... Maioritariamente baiñáns tamén eran os disfrazados e disfrazadas individuais. .
Xa no pavillón, coas bancadas ateigadas de público, disfrutamos do desfile final. Resultou todo un luxo presenciar a escena mentres degustabamos, a carón, lacón con grelos, filloas, roscas e café, todo preparado in situ. Sen dúbida, foi un esplendoroso peche de entroido, o resultado dun intenso e excelente traballo de moita xente, dende os 120 participantes da parroquia no desfile, deica os preto de 20 veciños e veciñas que traballaron na organización de principio a fin. E cando digo fin, falo, incluso, do acondicionamento do pavillón para a actividade escolar do luns seguinte. Longa vida para a celebración do entroido en Baíñas. ¡Noraboa a todos e a todas!
Moncho Gándara é membro do Seminario de Estudos Comarcais