A negra sombra

Vicente de Lema

CARBALLO

24 ene 2014 . Actualizado a las 13:23 h.

Quen de adulto non ten gozado dun libro infantil? Moitas veces ocorre. Caeu nas miñas mans estes días A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, con ilustracións de Xosé Cobas. Villar é un inesgotable tecedor de palabras que exerce o sacerdocio da linguaxe cunha perseveranza admirable. Neste traballo presenta unha historia da Negra Sombra de Rosalía que alimenta o devezo pola poesía e harmonía. Así vai contando o poeta de A Granxa como a pantasma ía vendo como a nai la literatura moderna galega escribía, verso a verso e estrofa a estrofa, ou como corría detrás do seus andares. A mesma rosa sobre a silueta da faciana da poetisa, a fiestra inspiradora ou a pomba coa flor no peteiro parecen revelar os segredos dos poemas que ían aparecendo sobre o papel branco. É un libro infantil universal para adultos. A sombra na Matanza, ao pé da mesa e do leito da autora inmortal. Miro invita aos rapaces a navegar polo mundo das rimas rosalianas coa súa obra que xa hai algún tempo que nada polas librerías, con vida propia esperando que alguén lle siga a dar oportunidades. A Negra Sombra, que ademais enfeitizar no papel, sempre soou a alma galaica profunda, ben fose na voz de cerne do inesquecible Frank Sinatra galego, Pucho Boedo, da máis melodiosa de Luz Casal, ou a lusófona de María do Ceo, e mesmo co acento italiano de Albano. Como o marmurio do río.