O cura, que leva 58 años de servizo, di que esta foi a súa peor experiencia
29 dic 2013 . Actualizado a las 07:09 h.Manuel Liñeiro Lema, natural de Moraime, os seus 84 anos de idade, despois de 58 como cura e 28 como párroco de Muxía, viviu o pasado Nadal un dos peores días da súa vida ao ver convertido en cinzas o que era o seu maior orgullo e o de moitos muxiáns, o santuario da Virxe da Barca. Despois do impacto inicial que recibiu con bágoas nos ollos, das numerosas mostras de afecto e dalgunhas críticas, asume a situación e, aínda que se mostra convencido de que o templo, quede mellor ou peor, nunca vai a estar como era, fía as súas esperanzas á colaboración de todos para devolverlle o esplendor perdido.
-¿Cal foi a súa impresión no primeiro momento?
-Viñéronme chamar e ao abrir a porta da sancristía xa veu cara a min unha grande laparada de lume. Non había maneira posible de entrar nin de facer nada. Xa vin que estaba todo perdido e que nos atopabamos ata unha desgraza moi grande, difícil de describir con palabras, por todo o que había dentro e que se perdeu para sempre.
-¿Pensa que non se pode recuperar a Barca?
-Faranse cousas, de feito xa está todo o mundo traballando niso e non podemos máis que sentirnos agradecidos pola colaboración do Concello, da xente do Arcebispado -de feito o bispo auxiliar mesmo me volveu a chamar para ver que precisabamos e poñerse a nosa disposición-, de todo o mundo. A Barca poderase arranxar, quedará mellor ou peor e recuperarase como lugar de culto, iso seguro, pero nunca volverá a ser como era antes da desgraza, o que había alí perdeuse para sempre.
-¿Hai algunha pertenza persoal pola que sinta máis perda?
-Por todo. O principal é o retablo e máis o resto das obras de arte, iso está claro, pero perdemos outras moitas cousas como o cadro da bula papal da coroación, o estandarte todo decorado con fío de ouro, un montón de roupa de cerimonia, todos os manteis do altar que tiña un traballo de encaixe moi grande e centos de cousas que había na sancristía, porque na parte de arriba tiñamos tamén gardadas moitas tallas que non estaban na igrexa. A verdade é que foi unha perda enorme en todos os aspectos, porque queimouse hasta a pila bautismal, por non falar de todo o valor simbólico e o sentimento que isto ten para os de Muxía e máis para tanta xente de todos os lados.
-¿Como lle gustaría que se fixese o novo retablo?
-Diso falouse de moitas cousas. Había a posibilidade de facer unha réplica idéntica ao orixinal porque existen moitas fotografías, pero parece que a idea e que sexa algo novo, algo que teña un valor por si mesmo, dun artista recoñecido ou algo así. Eu diso non entendo moito e, ademais, aquí quen manda é Patrimonio, son eles os que dirixen e os demais pouco podemos dicir. Eu o que si penso é a que Virxe coa súa Barca e máis o Apóstolo e esas cousas deberían ter un sitio principal como era ata o de agora.
-¿Como valora o apoio que está a prestar a xente?
-É algo impresionante, moi grande. Na casa reitoral o teléfono non para de sonar. Chama xente de todos os lados, moi apesarada porque a devoción pola Virxe da Barca chega a moitísimos sitios. Ofrécense para colaborar, cada un no que pode, porque iso é o importante, todo o mundo ten o mesmo valor independentemente de que poida moito ou pouco. De feito tiven unha chamada dunha señora viúva que quería dar a súa paga para a Barca e non creo que sexa unha pensión moi alta. Ese tipo de cousas teñen moito mérito e, dende logo, son de agradecer.
manuel liñeiro lema
párroco de muxía