Nun anuncio sobre a zona feito dende o seu «oktokopter» incluiría as praias sen explotar preto do Trece
06 feb 2012 . Actualizado a las 07:06 h.Rubén Prieto (Cee, 1985) é un home con múltiples habilidades. Cando lle preguntan a súa profesión adoita a dicir «o último do que estiven traballando». Ademais de ser actor de Talía Teatro, monitor de surf ou ilustrador de murais, o seu último capricho é un oktokopter.
-¿Para que serve o oktokopter?
-É un aparello de aeromodelismo que permite gravar vídeos ou facer fotografías aéreas con gran estabilidade. Da unhas posibilidades que non teñen nin unha grúa nin un helicóptero. Ningún helicóptero pode chegar a un primeiro plano e ningunha grúa pode ir dese primeiro plano ata cen metros de altura. Unha vez, dende a miña casa que está a seis quilómetros do mar, cheguei a velo.
-¿Como está sendo a experiencia con ese aparello?
-Estou comezando coa fotografía e as imaxes que consegues permiten que te diferencies de outros profesionais. O curioso é que pilotas cunhas gafas que parece que estás voando de verdade.
-Se tivese que facer un anuncio para promover o turismo co seu oktokopter, ¿cal é o primeiro lugar ao que iría?
-Prefiro a paisaxe virxe, que non está tocada pola construción. Gustaríame poder gravar cantís coma os de Rostro ou lugares que están menos explotados na zona da praia do Trece. Hai centos de sitios por explotar en Galicia que se a xente os vise nalgunha viaxe por aí viría alucinando.
-Os surfistas saben moito de paisaxes idílicas. ¿Cales son as súas praias favoritas?
-Para surfear quédome coa do Rostro e Nemiña.
-Levou a surfear aos seus compañeiros de Talía. ¿Son bos alumnos?
-Pasámolo moi ben e, incluso os que viven en Santiago, acabaron mercando táboa. Son todos bastante habilidosos, non sei se a coordinación que precisa o teatro ten algo que ver. De feito, Toño Casais e Dani Trillo son os que, ás veces, tiran por min para ir facer surf.
-Tamén fai murais a pincel para empresas. ¿Valorase máis que o graffiti?
-Nunca fixen un mural con esprai porque comecei case por casualidade e usei a técnica que coñecía. Aínda que pareza estraño, é certo que hai unha especie de prexuízo co esprai, a pesar de que o resultado sexa parecido.
RUBÉN PRIETO TOMÉ ILUSTRADOR, FOTÓGRAFO E ACTOR