Ecovoz tamén se viste de entroido. Aproveitando as vacacións dos escolares, o espazo de RadioVoz dedicado ao medio ambiente aproveitou onte para facer un repaso das cinco eliminatorias desenvolvidas ata este momento.
A Coruña é a provincia galega que máis participantes logrou colar en cuartos. Estarán na seguinte rolda o Fogar (Carballo), Santa Juana de Lestonnac (Ferrol) e o Anxo da Garda (A Coruña). Tan só os alumnos do Felipe de Castro (Noia) rompen a tendencia, xa que caeron derrotados no segundo programa fronte ao CEIP de As Nogais (Lugo).
Polo momento, a provincia de Pontevedra é a que peor estatísticas leva, xa que só un dos catro colexios participantes estará na seguinte rolda, o CEIP Cabanas. Tampouco foi o ano de Ourense, posto que o seu representante, O Vilar de Barrio caeu ás primeiras de cambio.
Anécdotas polos nervios
Ata o momento, os erros producidos polos nervios son a tónica dominante en todas as eliminatorias. Por exemplo, un alumno chegou a dicir que as tres erres da reciclaxe son reducir, reutilizar e resucitar, en lugar de reciclar. Un erro corrixido por el mesmo a tempo, polo que os dous puntos da pregunta Sogama puideron subir ao marcador do seu centro.
Fallos provocados algúns deles polo respecto que provocan os micrófonos e os cascos. Unha sensación que probarán a vindeira semana os rapaces do CEIP A Gándara (Monforte) e do colexio San José de la Guía (Vigo).