As mulleres loitadoras de Íntegro

Anabel Castiñeiras

CARBALLO

Por qué as mulleres temos un día de celebración? ¿Por qué non hai o día do home traballador? ¿É un día de discriminación? Esto sucede porque as mulleres non conseguimos todos os dereitos? Fago todas estas preguntas para que reflexionemos por un momento.

Imaxinádevos fai cincuenta anos, cando a muller aínda non accedera ó mundo laboral. Imaxinádevos unha nena con diversidade funcional, que vivía nunha aldea, que non podía ir a escola, porque esa escola non estaba adaptada, e non podía formarse, porque non habia apoios na escola. Esa nena que hoxe se converteu nunha muller pero que non pode traballar porque non recibiu esa formación é mirada polo demais compañeiros, veciños, como persoa especial por ter que formarse fóra do seu colexio e da súa aldea nun colexio especial. Cincuenta anos despois sucede o mesmo. Hoxe, no século XXI, unha muller con diversidade funcional sufre unha triple discriminación.

Estamos nun ano de novas leis, a Lei Antitabaco.Todo o mundo fala dela e está na rúa fumando. Esa lei estase cumprindo. En cambio, hai moitas outras leis que están metidas nun caixón, leis das que ninguén se acorda, ¿Que pasa ca lei de accesibilidade?, ¿Que pasa coa lei de igualdade de oportunidades e coa convención da ONU?. Son leis que non interesan, non venden, non son rendibles.

E máis aínda, que pasa coas mulleres con diversidade funcional ¿Quen se acorda delas? ¿Quen lles axuda a formarse? ¿Onde están os itinerarios educativos inclusivos? E sobre todo ¿quen lle dá unha oportunidade para acceder ao mundo laboral?

As mulleres con diversidade funcional de Íntegro somos mulleres plenas, formadas e incluídas na sociedade, da cal participamos activamente e temos voz para berrar que temos os mesmos dereitos que os demais membros da comunidade e que formamos parte dela. Somos mulleres loitadoras, loitamos cada día para demostrar que nin somos menos válidas nin estamos menos capacitadas que os demais. Somos mulleres libres, mulleres que tomamos as nosas propias decisións, mulleres que loitamos polos nosos dereitos.