A maior parte dos estudantes están dispostos a legar os seus órganos, e algúns animan aos maiores a facelo
27 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Non é doado intuír que pensa un neno sobre a doazón de órganos. O que si se sabe, polas enquisas que ten feito a Oficina de Coordinación de Transplantes, é que un 86,5% dos rapaces están dispostos a legar os seus, e que unha porcentaxe aínda maior, o 97,2%, respectarían a decisión de doar dun familiar. Ver este acto solidario a través dos ollos dun neno é un pouco máis sinxelo dende onte, porque no hospital Virxe da Xunqueira foi inaugurada unha exposición que inclúe os 25 traballos seleccionados no Concurso de Debuxo e Lemas, un certame relacionado coa doazón e os transplantes que se celebra por segundo ano.
Un total de 281 estudantes de 39 centros galegos plasmaron sobre papel, a toda cor, o que significan para eles. «Ver como ven el tema te sorprende», asegurou Jacinto Sánchez Ibáñez, director da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, que inaugurou a mostra itinerante acompañado polo xerente do hospital, Ramón Ares Rico.
A iniciativa da Consellería de Sanidade estivo dirixida nesta edición a alumnos de quinto e sexto cursos de primaria e primeiro e segundo de ESO. Un dos obxectivos da convocatoria é «achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar para que os rapaces poidan valorar os beneficios para a cidadanía do fomento da doazón de órganos». Jacinto Sánchez destaca que a elección dos niveles non se fixo ao azar, senón que se buscou a nenos que, pola súa idade, xa tiveran consciencia da realidade que supón unha doazón ou un transplante. «O mundo escolar é tremendamente importante, porque eles serán a sociedade de mañá», manifestou.
Pero a consecuencia directa da exposición é que o tema tamén chega aos adultos. De feito, un dos motivos de que os debuxos se expoñan en hospitais como o Virxe da Xunqueira é que a mensaxe pode chegar aos centos de persoas que a diario acoden a unha consulta ou mesmo de visita.
Os resultados vanse coñecer a curto prazo, porque a mostra estará aberta ao longo desta semana. Quizais deste xeito será posible mellorar as cifras de doazóns, que nos primeiros cinco meses do ano situáronse en 37 en Galicia. Nese mesmo período fixéronse 117 transplantes: 31 de fígado, 12 de corazón, 23 de pulmón, 2 de páncreas e 49 de ril, sete deles de doador vivo.