«A comarca é un paraíso para vivir e un inferno para facer salvamento»

CARBALLO

Viviu en primeira persoa o afundimento do «Prestige» e recorda con especial tristura o caso do «Bahía» e todos aqueles onde morreron mariñeiros

14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde o alto do monte Enxa, en Porto do Son, domínase coa vista unha parte importante da Costa da Morte. Nos días claros divísase Corrubedo por un lado e o cabo Fisterra polo outro. Alí está situado o centro de Salvamento Marítimo de Fisterra, encargado das emerxencias no mar en toda a comarca e do control do dispositivo de separación do tráfico marítimo. Xaquín Maceiras Saborido (Lira, Carnota, 1955) é o seu xefe.

-¿Como se chega desde Lira a ser xefe dun dos máis importantes centros de Salvamento de España?

-A miña familia é de mariñeiros. Meu pai era mariñeiro e os meus irmáns seguen embarcados. Ese era o meu destino, pero o meu pai quixo que estudara. Fixen o bacharelato no José Carreras, en Corcubión, e máis adiante fun a estudar Náutica a Barcelona, onde tiña familia.

-¿Ponte ou máquinas?

-Fixen ponte. Logo traballei no transporte de madeira para unha compañía vasca e despois no transporte de carga rodada. No 94 presenteime a unhas probas de Sasemar e fun destinado a Tarragona, onde fun o primeiro xefe de centro. Ao ano seguinte pedín o traslado e cheguei a Porto do Son de controlador. No 2004, cando se xubilou o anterior xefe, nomeáronme a min.

-¿Aínda lle tira o mar?

-Isto é unha profesión vocacional. Se volvera a nacer, volvería a ser mariño. Pero é unha carreira sacrificada e para todo hai unha idade. O bichoco mátoo subindo aos nosos buques.

-Hai non moitos anos, o salvamento no mar era algo practicamente inexistente.

-O cambio de sensibilidade co mar na Administración disparouse. Antes, comparado con Inglaterra, Francia ou Alemaña, o que tiñamos era escandaloso. Agora estamos á altura de todos eles ou superámolos. España foi un país de moita gloria marítima e houbo unha aposta por recuperar iso. Hoxe temos un nivel de desenvolvemento impensable antes e uns medios impresionantes. E seguro que co lado vocacional desta profesión, polos homes de Sasemar non vai quedar. Imos poñer o resto para non defraudar. Non imos a baixar a eficiencia.

-Mellorouse moito. ¿Todo o necesario?

-A seguridade 100% non existe no mar, pero a sociedade está disposta a asumir cada vez menos riscos. Conseguiuse moito e os medios son mellores.

-Hai uns anos os mariñeiros non sabían nadar.

-A navegación marítima pasou de ser un arte a unha ciencia. Agora hai unha normativa e unhas obrigacións, e unha concienciación maior. A xente máis preparada responde mellor. Quen sabe o que ten que facer nun accidente ten máis posibilidades de sobrevivir.

-¿Cantos son evitables?

-Entre o 80% e o 90% dos que hai son por factor humano. Sempre haberá persoas e sempre poderá haber fallos. Pero os accidentes no mar estanse igualando aos de outras actividades perigosas en terra. Agora o mar xa non vai por diante nesa lista.

-¿É máis complicado o salvamento na Costa da Morte?

-O mar na nosa costa é un medio hostil. Sempre digo que é un paraíso para vivir pero un inferno para facer salvamento. Ademais, os accidentes adoitan acontecer coas peores condicións. E con mal tempo complícanse as respostas.

-¿Cales son os principais accidentes?

-O que máis atendemos son barcos a deriva por fallo nas máquinas ou evacuacións médicas.

-¿É certo iso de que os rescates se cobran?

-Controlamos os barcos a deriva, por exemplo, e calculamos a súa traxectoria. Dámoslles unha marxe. Se non arrancan obrígaselles a contratar remolque, pero non con nós. Dámoslles un listado con todas as empresas. Nós actuamos sen custo.