Cada vez que alguén lle preguntaba por qué era músico, sempre contestaba o mesmo: non sei facer outra cousa. Había días que deixara de tocar: o frío da tristeza atara con cordóns de xelo os seus dedos... e non podía sentar no piano. Era o medo. O medo da tristeza paralizou a súa alma unha mañá violeta de calquera agosto. O medo de non volver aos seus ollos, os labios de esponxa, o seu modo de bailar baixo a lúa dunha canción de amor. Ela procuraba a felicidade e el era un músico que só podía interpretar pezas de piano, ao mencer, cando os borrachos escriben con gotas de marmaña a historia do mundo. A esa hora sentaba algunha vez ao piano, pero non saían as notas. Por iso collía o teléfono móbil e escribía mensaxes para ela. Despertouna dicindo que a quería. Podían xurar, el e o silencio, que era certo. Despois pedíalle perdón e ela sempre o perdoaba. Daría o seu talento por tela sentada un mencer ao outro lado do piano, mirando cara a el. Nunca coñecera unha muller como aquela: tiña gravado na voz que só a inocencia e a tenrura non se poden perder, pese a todo. El sabía todo dela, aínda que só fora un par de minutos da súa vida: o tráiler dunha película de amor sen final feliz (coñecéronse, namoráronse, e escaparon un do outro porque o destino sempre se escribe con renglóns torcidos). Os grandes seres humanos resultan grandes, precisamente, porque son fáciles de recoñecer: cando miras o seu corazón. Ela non combinaba coa súa tristeza, nin co seu alcohol de pianista maduro que xa non tocaba o piano. Deixou de tocar porque non tiña sentido a música se ela non regalaba as súas notas, que eran todas de color alegría. O medo paralizouno. Soubo que tardaría en volver ao piano. El que non era príncipe azul, nin modelo, só o último pirata dun barco á deriva. O pianista que amaba os seus ollos, os seus labios... El, que non sabía facer outra cousa.