O grupo de adultos da escola municipal que dirixe estreará esta tarde a obra «Criaturas» de Vidal Bolaño
20 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Esta fin de semana os alumnos da escola municipal de teatro de Cee empezarán a amosar o que aprenderon durante o curso. Os primeiros en pasar polo escenario serán os do grupo de adultos. Farano esta noite, ás nove, no salón de actos do Concello. Repiten mañá á mesma hora. Artur Trillo (Niñóns, Buxantes-Dumbría, 1968) é o director da escola.
-¿Que obra van a estrear mañá?
-Un espectáculo de Roberto Vidal Bolaño escrito en 1998. Chámase Criaturas . Son historias curtas cunha personaxe que fai de enlace entre elas, un Frankenstein. Sae ao mundo real e namórase, sen saber o que é o amor, mata sen querer á súa amada. Irase atopando cunha galería de xente na que se aprecia que hai máis monstros na vida real que el. É unha obra con moita ironía, cun sentido do humor moi fino, moi sutil e ácido e moi ben escrita. Quen de nós non se atopou na súa vida real con auténticos monstros. -¿Que tal o fan os actores? -Verémolo hoxe. Levo toda a semana ensaiando con eles. O que se valora aquí é a ilusión e as gañas. O obxectivo da escola non é facer un espectáculo marabilloso, senón darlle unha oportunidade á xente con interese e con talento. Nos ensaios algúns días saíu moi ben e outros non. Pero é que o teatro non é unha ciencia exacta. -¿Que tal funciona a escola municipal de Cee? -Leva en marcha máis de dez anos e pode haber apuntados nos cursos cerca de cen persoas. Os que actúan hoxe son os do grupo de adultos, de entre 18 e 60 anos. Hai uns 17 apuntados. -O número de alumnos é elevado. Cando menos hai un importante gusto polo teatro en Cee. -En Cee existe unha sensibilidade polo teatro, por velo e facelo. A nosa labor tamén é crear espectadores. -¿Cando estrearán os demais grupos? -Agora empeza a semana de fin de curso e estrearán todos. O mércores da semana que vén van o resto dos alumnos. En total son cinco grupos, Toño Casais leva a tres e eu aos outros dous. Actuarán todos no salón de actos. -Semella moito teatro seguido. -Son obras curtas, duns 40 minutos. A de hoxe é de unha hora e dez minutos. -E tamén están os veteranos. -Si, tamén temos o grupo do centro social, persoas de 60 anos en adiante. Terán a súa representación na vindeira fin de semana, o sábado e o domingo, no festival do centro social. Estrearán a obra Fin de mes . E tamén teremos actuando os vindeiros días ao grupo de teatro de Brens.