«Sempre terei a pena por non poder salvarlle a vida»

CARBALLO

Este muxián tirouse ao mar o pasado domingo para salvar a José Ramón e sacou da auga tamén ao seu amigo

17 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Félix Vilela Carlín non esquecerá nunca o pasado domingo día 14. Foi el quen rescatou con vida a José Ramón Castro, un mozo de 26 anos veciño de Noia que caeu ao mar nas festas da Virxe da Barca, e que desgraciadamente morría horas máis tarde no hospital.

Félix Vilela Carlín é un veciño de Muxía de 30 anos de idade, que leva once traballando no lugar como percebeiro, polo que coñece ben o mar. A pesar do mérito e do valor que tivo a súa actuación, este home leva desde o domingo sumido na tristura pola morte deste mozo e non deixa de pensar se podería ter feito algo máis para salvarlle a vida.

Félix relata aínda afectado o que aconteceu o pasado domingo: «Dous mozos estaban pegados á beira do mar, e eu nese momento estaba vixiando a zona, xa que se trata dun área vedada e, nun principio, crin que alguén estaba mariscando alí. Realmente non sei que é o que estaban facendo tan abaixo os rapaces porque se trata dunha zona con moito perigo».

Nese momento, cando viu que non estaban mariscando, explica que deu media volta, pero «de repente veu un golpe de mar moi grande, que levou con el a José Ramón Castro. Nese momento din a voz de alarma e avisei para que chamara a Protección Civil e a unha ambulancia. Tiven o tempo xusto para volver á beira e berrarlle ao amigo de José Ramón para dicirlle que non se tirara á auga, pero non me fixo caso e saltou para rescatalo. Tivo moita sorte, porque puido nadar un pouco e a corrente arrastrouno contra unhas rochas que había mías adiante. Eu baixei e cando vin unha quedada de mar díxenlle que se tirara contra min, e foi entón cando o collín e o saquei a terra».

En canto a José Ramón, «en menos de cinco minutos o seu corpo xa estaba flotando, polo que cremos que puido levar un golpe ao principio».

Foi entón cando se tirou ao mar: «Coñezo moi ben esta zona, e sei que tirarse sen corda sería unha condena a morte porque é unha parte moi perigosa. Foi solo cuestión duns minutos que me trouxeran a corda e entón lanceime a por el. Estaba a uns trinta metros das rochas. Un veciño de aquí e os voluntarios de Protección Civil comezaron a tirar de min e axudáronme a saír da auga co rapaz, pero xa estaba inconsciente. Practicáronlle o boca a boca e levárono en ambulancia. Onte [polo luns] déronme a nova da súa morte».

Asegura que non tivo ningún medo, «pero si respecto polo mar. Pero non podo quitarme esta pena. Se tivera antes a corda ou un traxe de neopreno quizais o rapaz aínda estaría vivo, pero non me puiden tirar antes». Agora di que se encontra mal: «Levo dous días que non levanto cabeza, non podo esquecer o que pasou. Sempre terei a pena por non poder salvarlle a vida a este mozo. Gustaríame darlle o pésame á familia, síntome impotente por non poder facer nada».

Félix Vilela leva once anos traballando no mar, pero nunca antes se enfrontara a un suceso semellante: «O do pasado domingo foi o máis grave que me pasou, ter que rescatar a un mozo, e que morra horas máis tarde. Nunca vivira algo semellante. Si que teño levado sustos, pero foron pequenas cousas, como ter que axudar a algún compañeiro», explica este percebeiro.