«O barrio é moi tranquilo, todo o mundo se coñece de toda a vida»

C. Abelleira

CARBALLO

Marina Loureiro (32 anos) é unha das veciñas máis novas das Labradas. Chegou hai algo máis de oito anos, pero asegura que non lle custou nada adaptarse, «porque é moi parecido ao lugar de onde viñen». De feito, Marina é natural do municipio de Val do Dubra, e é a familia do seu home a que leva moitos anos xa vivindo no barrio carballés.

Marina, que ten dous fillos, tamén é empresaria. Fai seis anos abriu unha floristería, un dos poucos negocios que hai pola zona, e di que lle vai ben. «Non hai queixa». Asegura atoparse moi a gusto nas Labradas. «O barrio é moi tranquilo, todo o mundo se coñece de toda a vida. De feito, eu son case das últimas en chegar, e mesmo as familias que non son de aquí viñeron de cerca, e xa se coñecían. Aquí todo o mundo sabe todo de todo o mundo».

A zona mellorou moito nos últimos anos, pero, sobre todo, dende a construción do paseo do Anllóns. «Antes a xente viña, pero con medo, e agora aproveitan para dar un paseo pola beira do río e xa veñen ao cemiterio», relata. Sen dúbida, o sendeiro peatonal é un dos grandes acertos de As Labradas, un barrio no que os veciños están contentos cos servizos que teñen, «aínda que sempre hai cousas que se poden mellorar». O peor, alomenos na opinión de Marina Loureiro, é o tráfico. Hai demasiado.