Máis de 800 veciños asistiron á comida dos maiores de Cabana
12 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Hai algún maior de Cabana que espera como auga de maio a festa que cada ano, e coincidindo co fin do entroido, lles organiza o Concello. Gústalles a celebración porque o pasan en grande e porque é unha oportunidade única para reencontrarse con vellos amigos, facer algún novo, poñerse ao día dos chismes do pobo e, xa postos, tirarlle das orellas ao alcalde, José Muíño Domínguez, que nunca se perde esta cita. O rexedor desentoa no acto pola súa xuventude, pero aos maiores, verdadeiros protagonistas da festa, impórtalles ben pouco. Trátanos como reis e iso é o importante, porque lles gusta e porque ben o merecen.
O pasado domingo, por fin chegou ese día que tanto esperaban algúns. O polideportivo engalanouse para recibilos e a decoración foi tan exquisita -nada de manteis de papel ou bancos corridos, senón mesas redondas, panos de tea e cadeiras ben xeitosas-, que máis que unha festa para os maiores parecía unha voda de alto postín. Unha voda, iso si, para case 800 invitados, que foron os que se achegaron ata o polideportivo, no que, antes do xantar, os sacerdotes do municipio, Fidel Fernández Bello, Antonio Méndez Farto e Francisco Domínguez Lobelos, concelebraron unha misa na que houbo tempo para pedir por aqueles que este ano non puideron asistir á festa.? O menú, do que, como en anos anteriores encargouse a empresa Josmaga: pulpo, empanada, entrantes varios e carne ao caldeiro. Moi bo pero secundario, porque o importante o domingo foi pasalo ben e bailar ao compás do trío Primeira Fila.
Ben acompañados, ben comidos, ben bailados e, ademais, agasallados, xa que todos os asistentes levaron para casa un portadocumentos. Xa hai quen conta os días para a próxima.