Leccións verdes e pacíficas

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

Estudantes do centro escolar Os Remuíños, en Cabana, celebraron onte o día da paz con actividades ecolóxicas

02 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os alumnos do Centro Rural Agrupado Os Remuíños, no que se atopan inscritas seis unitarias do municipio de Cabana, celebraron onte o seu singular día da paz, aínda que con algún que outro matiz.

Aproveitando a participación deste colectivo de escolas no programa Voz Natura, que promove a Fundación Santiago Rey Fernández Latorre, os educadores prepararon unha actividade na que fusionaron a educación en valores e a defensa do medio ambiente.

Así, onte reuniuse todo o alumnado de educación infantil e o primeiro ciclo de primaria no pavillón de Cabana para levar a cabo unha xornada do máis educativa. Alí cada grupo levou unha pomba grande de cartón na que levaban traballando varias semanas. «Cada profesor preparou cos alumnos a gran pomba de cartón, entre todos fixémola», explicou Ana Pose, coordinadora do proxecto na agrupación de escolas cabanesas. Onte, os estudantes decoraron as pombas con material de reciclaxe que estiveron recollendo nas súas clases.

Todo o ano

Esta comunidade educativa participa desde fai moito tempo no programa Voz Natura co plan, Reciclamos todo o ano. «A reciclaxe forma parte de todas cantas actividades facemos na escola e procuramos que os cativos se fagan cargo da importancia desta para coidar e respectar ao medio ambiente», indicou Pose.

Pero ademais de traballar o de onte foi un día de festa no pavillón de Cabana xa que os pequenos alumnos estaban moi ilusionados ca iniciativa. «Tiñan moitas ganas de participar nesta actividade», explicou a coordinadora.

Para confeccionar os disfraces e decorar as pombas utilizaron tapas do iogur, recortes dos catálogos dos xoguetes de Nadal, tapas de botellas, pallas e papeis de xornais recortados en forma de mans.

«Procuramos que a actividade de reciclaxe se converta nunha acción cotiá na vida dos alumnos», dixo. Pero ademais de traballar, os pequenos aproveitaron a xornada de onte para xogar e gozar do día da paz cos seus profesores e amigos.

Nova edición

Por outra parte, esta semana abriuse o prazo de presentación da nova edición de Voz Natura. Os interesados poderán inscribirse ata o 31 de marzo. O obxectivo deste ano é sensibilizar aos alumnos da importancia das actuacións individuais para loitar contra o fenómeno do cambio climático.

O proxecto está patrocinado polas consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural, Sogama, Sogarisa e Leche Celta. Tamén colabora Caixa Galicia e Coca Cola.