O programa Voz Natura tamén se aplica no Nadal, ¡e de que xeito! Boa mostra diso é o traballo realizado no colexio Mar de Fóra de Fisterra, e que se pode admirar no primeiro andar do centro. Trátase dun enorme belén (seis metros cadrados, tres de fronte e dous de fondo, sobre unha táboa de tenis de mesa) elaborado polos 160 alumnos, nunha actividade organizada por dous equipos: o de Voz Natura, que coordina María Fernández Prieto, e o de actividades complementarias e extraescolares, que leva Mari Carmen Romero López. Pódese dicir, sen caer en erros, que se trata dun belén cen por cento ecolóxico, no que se aproveitou todo tipo de refugallo para ir elaborando as figuras, incluso o papel de aluminio que os nenos levaban á escola envolvendo os bocadillos, e que se aproveitaba para o cauce dos ríos, ou unha botella de suavizante, aproveitada para confeccionar a Herodes. Os traballos estiveron distribuídos por cursos. Así, os rapaces de ensino infantil encargáronse dos pastores e de diversos personaxes, empregando, por exemplo, botiños de actimel. Os alumnos de primeiro ciclo de primaria ocupáronse das vivendas, muíños, casas e pallozas; os de segundo ciclo, dos animais (ovellas, vacas..), e os de terceiro ciclo, da propia estrutura do portal e do castelo de Herodes. Ademais dos materiais sinalados, a lista completa dos empregados é moi longa e moi diversa: botes de zume, de cacao, retais, pallas, area, xornais, froitos secos típicos de outono, latas... A coordinadora de Voz Natura no Mar de Fóra, María Fernández Prieto, amosouse moi satisfeita co traballo realizado e, especialmente, co resultado, no que houbo unha gran implicación de mestres e rapaces, pese a que se trata da primeira vez que se leva adiante unha iniciativa deste calibre.