Axuda para unha neta de Baíñas

MANUEL SUÁREZ SUÁREZ

CARBALLO

CRÓNICAS DA EMIGRACIÓN | O |

27 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

QUERO FACER UN chamamento á solidariedade dos veciños da Terra de Soneira, en especial aos de Vimianzo, para que axuden a súa neta Estrella. En Montevideo vive a emigrante de Baíñas Manuela Domínguez Mourelle que coma outros homes e mulleres das nosas comarcas colleu o camiño do Río da Prata pois alí estaba a súa irmá María. Manuela casou cun emigrante de Carral. Traballaron e criaron tres fillos. Teñen en propiedade unha humilde casiña na rúa Córdoba no barrio de Novo París. Coñezo ben aquela zona porque ía co meu pai ata a costureira que lle cosía as antucas de praia que fabricaba. Agora o matrimonio está en desfeita porque Estrella quedou cega por mor dun accidente e os outros dous fillos están na emigración. Os ingresos veñen dunha pequena pensión que non chega para os medicamentos de Estrella quen logo do accidente e con vinte e poucos anos intentou quitarse a vida. A pobriña estaba desesperada por quedar sen vista e sobre todo polas súas cativas condicións de vida. A nosa neta Estrella por non ter non ten nin siquera un bastón metálico dos que utilizan os non videntes senón un pau mal feito no que apoiarse. Leva anos sen alonxarse máis de dez metros da súa casa e aínda que amosa interese e pregunta cousas sobre Galicia o seu estado emocional é moi inestable. Se publico estas liñas é porque sei que os vimianceses non deixarán esquecida e no abandono a unha filla do seu sangue.