Un canteiro emigrante

| MANUEL SUÁREZ SUÁREZ |

CARBALLO

CRÓNICAS DA EMIGRACIÓN

17 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

VOU CAMIÑANDO por un pequeño carreiro de baldosas. Ao fondo atópase unha pequena vivenda de planta baixa. O solar está situado na montevideana rúa Teruel. Ao meu carón, unha fermosa plantación de allos, cebolas, leitugas, repolos e flores. No adro da casa recíbeme o abrazo de Vicente Castro. Así recordo as miñas visitas que durante moitos anos lle fixen ao exiliado ferrolán para escoitar as súas instrutivas lembranzas de combatente antifranquista. Aquel vello loitador, obrigado polas circunstancias, tivera que coller un barco camiño do exilio nas terras uruguaias. Logo de volver da guerra cumpriu nove anos de prisión no cárcere do castelo de San Felipe. O seu delito foi defender á II República. Grazas á intervención do seu sogro non o fusilaron. Na capital uruguaia traballou sempre nunha fundición da zona de La Teja. Loitara na fronte de Aragón ás ordes do xeneral Henrique Líster e foi quen me informou de que o mítico líder antifascista era galego e de profesión canteiro nacido nos arredores de Santiago de Compostela. Falaba del con admiración. Dicía que era un auténtico valente e un compañeiro máis que no combate ía sempre diante, na vangarda. En realidade o famoso Líster era Jesús Liste Forján (da aldea de Ameneiro na parroquia teense de San Xoán de Calo) e hoxe cumpriría cen anos.