Pasou o día, pasou a romaría

FARRUCO GRAÑA

CARBALLO

NOVOS TEMPOS | O |

11 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

«POIS NA casa da miña tía, xa van empezar co entroido!». Así che é o conto. Nada máis rematar o Nadal ábrese o abano do carnaval. Festa pagán que, sen embargo, ve marcada a súa data pola primeira lúa chea da primavera, que fixa a Semana Santa. Corenta días cara atrás, e temos o mércores de cinza. Mais non estou a referirme aos días de troula nos que todo vira do revés: homes que son mulleres, cregos, alcaldes e ricachóns postos na picota, entroidadas a esgalla... Non. Estou a falar da festa do entroido, a máis importante na nosa tradición cultural, pero celebrada no ámbito familiar. Mesmo as vacas, nas casas labregas, quedaban soas o día que tocaba ir xantar á aldea dun parente. E que día é ese? A partir da primeira fin de semana despois de reis, e segundo as liñaxes foran máis ou menos grandes (e viviran relativamente cerca) facíase un xantar cada fin de semana en cada casa. Botando contas, pode haber entre cinco e oito desde reis ata o carnaval. Imaxínense unha familia de sete irmáns repartidos entre Montemaior, Sofán, A Silva e Rodís; ou entre Cances, Sísamo e Goiáns. Enchente e diversión garantida durante mes e pico. Como non podía ser menos, a base desta celebración é o porco, os grelos, as orellas e as filloas. E coidadiño con comelas ás carreiras, non fora ser o demo que se nos aparecera o entroido por entre os dentes en forma de fío, verza ou cousas peores.