«Non podemos permitirnos o luxo de botar a Pescanova»

La Voz E. E. | CEE

CARBALLO

Entrevista | Alberto Blanco Rodríguez O mandatario entregará hoxe en Pesca e no Parlamento máis de 3.000 sinaturas reclamando a construción da planta acuícola de Pescanova en Touriñan, impedida pola Xunta

11 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?ando Manuel Fraga acompañou ao presidente de Pescanova na presentación, na casa da cultura de Muxía, do proxecto da planta acuícola de rodaballo para Touriñán, moitos deron por feito o traballo. O primeiro en felicitarse foi o alcalde de Muxía, Alberto Blanco, quen co paso dos anos veu como a Xunta acababa tirando a idea polo chan e levando as inversións a Portugal. Hoxe acudirá, acompañado polo alcalde de Cee, Antonio Domínguez, o de Fisterra, José Manuel Traba, o de Zas, Ernesto Rieiro e o teniente de alcalde de Corcubión, Norberto Pais, a entregar máis de 3.000 sinaturas a favor da planta de Pescanova na Consellería de Pesca e no Parlamento galego. O alcalde de Vimianzo tamén lle expresou o seu apoio. -¿Que pasou con Pescanova? -A Xunta portouse fatal. Era unha industria que cumpría con todos os requisitos. Superou todos os estándares europeos e nacionais e concedéronlle todas as licencias que solicitou, salvo a licenza de actividade, de Pesca, e por iso imos alí a entregar as sinaturas. -¿Cal foi a causa de que a Xunta desbotara a idea de Touriñán? -Foi un capricho político, algo que un Goberno serio non se pode permitir. ¿Que teñen en contra desta zona? Aquí, despois do Prestige, non se investiu nada. Pero non é que non se investira en municipios do PP e si nos do BNG ou nos do PSOE. E que non se investiu nada en ningún. -¿Que tratamento lle está a dar a Xunta á Costa da Morte? -Non sei se nos están ignorando ou nos están condenando. -¿E que pode facer agora o alcalde de Muxía? -Os cidadáns elixíronnos e nós demandaremos o que temos que demandar. Entregamos as sinaturas porque a Costa da Morte precisa riqueza, e unha planta en Touriñán non só beneficiaría a Muxía, tamén sería boa para Cee, para Camariñas, para Fisterra. Para toda a zona. O que teño claro é que a min non me fan calar, e que penso responder polos cidadáns. Estou seguro de que todos os galegos estarían de acordo en defender esta planta. -A de Touriñán non foi a única en Muxía que se quedou sen facer. Tampouco saiu adiante a de Moreira. -Fixeron o mesmo. Se polo menos a levaran para outro Concello, pero nin iso. -E Muxía segue tamén esperando polo parador. -É que no Goberno minten descaradamente. Estamos esperando tamén por el e non sabemos nada. Aquí aínda hai que seguir collendo a maleta. É unha tomadura de pelo en toda regla. Non hai dereito. -¿Como afecta, a nivel laboral, o cambio de plans da Xunta sobre Pescanova? -Din que mentían cando falaban de 450 empregos, e agora en Portugal aínda van ser máis. Iamos ter 200 empregos directos e 250 indirectos, e iso é riqueza, pero non para Muxía, senón para toda a zona. Non podemos permitirnos o luxo de botar a Pescanova, de darlle unha patada no cu. Aquí precisamos postos de traballo. -Argumentaban que a planta ía nunha zona dentro da Rede Natura. -Tocaba unha pequena parte de Red Natura en Touriñán, pero é que as propias leis din que a Rede Natura é compatible coas instalacións acuícolas. De feito, a Xunta informou a favor de todos os plans que estaban en tramitación. Ata o último. Hai algo que non me casa, deben ter algo contra Pescanova. -A planta de Pescanova era unha parte do Plan Galicia. -Dixeron que ían mellorar ese plan, pero non dan sacado adiante nada e pasa o tempo. Remataron o que estaba en marcha e do resto aínda non se sabe. Como a vía de alta capacidade, que tiña que estar licitada no 2007. Empeoraron o que había, e o Goberno non pode seguir levando todas as inversións as capitais porque alí hai máis votos. Non nos poden abandonar así. Na Costa da Morte necesítase riqueza e man de obra, temos o compromiso de acadalas.