Berberechos

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

28 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ÁS VECES un sorpréndese do tratamento que se lle dá a certas cousas, do xeral descoido co que se trata o patrimonio común. Do desprezo ao propio. A ría de Corcubión, que se saiba, é de todos. Esa ría, que como otras, pasa por ser unha marabilla natural e pretende converterse nun referente do turismo de calidade, está feita, vostedes perdoen a expresión, unha porquería. Algún levará as mans á cabeza e dirá que non é para tanto. É verdade. Chernobil, por poñer un exemplo, pasa por ser máis insalubre, e seguramente a auga do Ganges ten máis perigo que a nosa. No entanto, poden estar seguros de que se un fiordo noruego se atopara no estado da ría de Corcubión, no país nórdico rodarían cabezas e seguramente máis de un pasaría o Nadal na cadea. Desde a Xunta din que están traballando e que xa están case a punto de saber quen contamina. Din tamén que se hai xente que non pode traballar ao mellor débese a problemas persoais internos nos que é difícil intervir. E así, pasándose a pelota uns aos outros, a ría segue nun estado lamentable. Máis alá das excusas que cada quen lle quera dar, o estado da situación é o seguinte: a ría de Corcubión produce berberechos que non se poden comer porque están en zona C. Noutras palabras, os bichos apacéntanse coas augas fecais que os regan xenerosamente sen depuración algunha. O Concello protesta, as mariscadoras protestan e ata a Xunta protesta, pero o certo é que os cartos gástanse en campos de herba artificial mentres os lavabos das casas teñen liña directa cos bivalvos. A eso súmaselle que durante anos a ría padeceu de xeito sistemático peches por contaminación de hidrocarburos. A Xunta nin atopou a fonte deses verquidos nin pode garantir que non se repitan. Eses son os problemas, e os que non os ven non é que teñan mala vista, é que non queren solucionalos.