ARA SOLIS | O |
14 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O 11 de agosto de 2006, ás portas da Xunqueira, non o imos esquecer en moito tempo. Os incendios que asolaban a comarca facían sinais de fume que indicaban as súas dimensións e proximidade. Durante a mañá a cousa foi pasando. Pero ao chegar as cinco dunha tarde de verán ardente e luminosa, pasou a algo parecido a un eclipse. O sol foise cubrindo de fume negro, ata que o día foise indo, e chegou a noite. As fiestras pechadas non eran quen de impedir que o fume aproveitara para colarse polas rendixas, enchendo de folerpiñas negras os carreiros. Entroume medo, afogo, e tiven que saír, fuxir na procura de aire limpo. As rúas empetadas de xente e atascos de coches ata facía só unhas horas estaban agora baleiras e cubertas dunha espesa néboa que obrigaba a circular aos poucos coches coas luces acendidas. Con certo respecto achegueime ata o peirao de Brens para ver se o horizonte estaba tamén cuberto, pero para a miña sorpresa o ceo estaba totalmente despexado. ¡Qué alivio! Saín fóra para respirar aire fresco, un espazo aberto, que aínda co cheiro da fábrica, nunca tan ben me soubera. De volta o centro, cos meus temores xa algo disipados, o ceo é unha gran barriga de fume negro. As lapas xa chegaran a Raíces e nunha carreira a contra reloxo, co vento ao seu favor, corrían cara a Armada, onde as casas, a carón da natureza, tremeron pola súa integridade. Vivíronse intres de présas, amargura , impotencia, tristura, e temor. As sereas, os camións, a xente con caldeiros de auga e polas defendendo o seu, as máscaras imprescindibles para poder respira, os ollos chorosos, o nó no gorxa. O medo. O fume paseándose fachendoso polas nosas rúas, entrando impugne nas casas, impregnando o noso corpo da súa presenza cheirenta. Vai ser unha longa noite, de sono lixeiro e medo contido. Estou na cama buscando o sono, pícanme os ollos, toda a casa cheira a fume.