ARA SOLIS | O |

03 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

ENTRE AS cousas máis fermosas do ser humano está a memoria, ese acto de administración neuronal que fai que a palabra nunca camiñe soa. Cada obxecto da nosa vida ten unha historia, e poucas cousas correron tantas e tan diversas peripecias como a pataca. Solanum tuberosum. Ese tubérculo ten máis aventuras que a película de acción norteamericana máis taquilleira. Por iso cando un degusta unhas espectaculares patacas novas de país orixinais en Coristanco, failles xustiza se pensa no seu pasado. Hai dous mil anos xa as cultivaban nos campos do Perú. E alí seguiron, para disfrute propio, ata que a expedición de Jiménez de Quesada deu con elas en terras da actual Colombia en 1537. Os soldados españois que as viron comer, probaron tamén daquilo e quedaron satisfeitos con aquela especie de trufa. O nome non é cuestión gratuíta, xa que na Italia do XVI ao manxar dos pobres, por entón ben exótico, chamábanlle tartufo bianco. Ala polo ano 1550 a pataca chegou a España, seguramente salvada de milagre das fames da travesía. As primeiras eran pequenas, acuosas e amargas. Di a tradición anglosaxona que pasaron a Inglaterra como parte dos saqueos de Drake, que as tivo como tesouro, pero iso é mitoloxía. Sábese, si, que deica 1590 xa crecían na illa. O exótico tubérculo floreceu de modo documentado no xardín inglés dun tal Gerard no ano 1633, pero non tivo moito éxito. Os protestantes non a comían, entre outras cousas, porque o vexetal non se citaba na Biblia. Pero aquela comida barata tivo éxito. Federico o Grande de Prusia plantouna por decreto e outro real decreto a fixo espallar por Suecia desde 1764. María Antonieta, esposa do malogrado Luis XVI, levaba flores de pataca prendidas dos seus vestidos. E todo isto detrás dunha pataca. Desas exquisitas que xa agroman en Coristanco.