Amor prohibido

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

30 mar 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

VERDES é unha desas paraxes que ben merecen que haxa que percorrer unhas cantas leguas para achegarse á súa paz. É agora un bo momento para ir a este máxico recuncho bergantiñán, onde os carballos e os ameneiros dan garantía de que aquilo foi concebido coma un regalo de sabe quen que deuses. Na primavera. Cando os paxariños andan nas liortas dos seus arrimos. O Anllóns ponlle a música a tanto enredo. Verdes é un lugar para namorados de todas as idades que pasean collidos da man entre as aguas que van de chimpo en chimpo, de rocha en rocha. Mozos e vellos. Chegar a esta insua é coma embarcar nun cruceiro de placer, facer unha viaxe pola maxia da natureza. Un espazo salvaxe e manso á mesma vez, no que o tempo se detén debaixo das follas das árbores. Se acaso esvaécese polas rochas diluído na agua fuxidía. É unha pena que haxa xente que aproveite o encantamento deste lugar para andar a roubeta. Hai persoas que non entenden de sentimentos. Por unha radio dun coche son capaces de romper o ensoño dunha parella envolta nun nubeiro de felicidade. Os ríos das nosas bisbarras forman paraxes ben fermosas. Quen non disfrutou do misterio dos séculos do Mosquetín ou do Vadalama. Coñezo uns mozos que caeron no río co susto que lle deron dous parrulos ao levantar o voo. O río Grande e o amor levaraos a outro mundo, ata que as aves decidieron facer a súa trasnada, onde o caudal baixa cantaricando entre maxestuosas formas graníticas. E as caldeiras do Castro. Son coma un capricho natural, coma unha peza de artesanía, labor feito ao longo dos séculos. Dende a capela de San Eutel pódese escoitar ao río no seu concerto. Seica é un lugar de lendas, de batallas de moros e franceses. Eu prefiro recordar aquela parella que se casou alí en secreto porque lles prohibiran o seu amor. Prohibir o amor debería ter condena severa.