Estrelas

A. MARTÍNEZ

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

16 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A NOITE pasada foi tan estrelada e a lúa relocía tanto que mesmo o ceo parecía azul. Nestes días andamos máis pendentes do firmamento que en calquera outra época do ano, ao mellor esperando ver pasar unha estrela fugaz, desas que din que se pides un desexo cando as ves farase realidade. Pero, como non parece demasiado doado trasladar a decembro as bágoas de san Lourenzo, sempre nos quedan os amigos que nos enchen o correo eléctrónico con pepeeses interminables, cheíños de bos desexos e frases cursis, imaxes bucólicas de nenos, animais ou paisaxes espectaculares... e unha invitación final para que os reenvíes a unha pila de persoas se queres que os teus desexos se cumpran. Son as vantaxes -¿ou non?- de Internet, que tamén permite, por exemplo, practicar outro costume que ía quedando en desuso. Porque, se eliminamos esa morea de empresas que teñen en circulación os nosos datos persoais e que nos enchen o buzón de felicitacións feitas en serie, cada vez son menos as postais de Nadal que nos mandan -e lles mandamos- as persoas que realmente nos importan. Pero, como dicía, iso está a rematar coa rede de redes, porque non hai nada máis doado que escoller calquera das felicitacións que pon ao noso alcance, personalizalas e facelas chegar tanto ao compañeiro de mesa no traballo como a aquela amiga que emigrou un bo día a Bangladesh e da que pouco máis volveches a saber que o seu enderezo electrónico. Ah! E non podemos esquecernos dos sms , que tamén circulan cada Nadal dun móbil a outro con mensaxes encadeadas do tipo: «Le pedí a Papá Noel una amiga como tú». A min gústame pensar, aínda que soe tan cursi como esas felicitacións, que as estrelas que nestas noites de xeada podemos ver en todo o seu esplendor permítennos comunicarnos dalgún xeito con todas esas persoas ás que lembramos aínda que non sexa Nadal.