¿Con-tenedores?

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

15 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O MÁIS gratificante que ten escribir esta columna dominical é que a un o lean e despois, durante a semana, te paren na rúa, na taberna, no instituto ou no supermercado e que loen ou critiquen o que puxen en negro sobre branco. Non todo van ser parabéns. O mércores pasado fun asaltado por un baiés preto da fonte que se inaugurou recentemente -á que algúns xa bautizaron co nome de A Fonte de Fuentes- e fomos camiñando e falando ata a zona onde se asentan as obras dos bidóns de lixo soterrados que se están a converter no paradigma e na envexa dos ecoloxistas da bisbarra. Caía a noite e antes de nos despedir como bos veciños, tendo como testemuña a un sosias de Fernando Alonso que se dedicaba a amosar a potencia do seu vehículo polas rúas labartianas, pediume que escribira sobre a tardanza en inaugurar os novos contenedores. -Cando principiaron a obra aínda a tele era en branco e negro -me dixo con sorna mentres mascaba nun farias- e non sabes ben os problemas que lle está ocasionando ao comercio local o que as obras ocupen tanto tempo as prazas de aparcamento. Ademais... ata che vou propoñer un título para a columna. ¿E cal? -pregunteille interesado mentres buscaba, sen atopar, unha papeleira onde depositar un pano de papel-. Pois -tusiu un pouco facéndose o importante- sabendo como sei que che gusta moito xogar coas verbas e que tamén gozas do bo comer podías poñerlle Con-tenedores ; xa sabes, porque algúns políticos só se achegan pola vila cando hai...xa sabes, e despois non se lles ve o pelo ata a campaña electoral. ¿Con-tenedores? Non está mal. Teño que pensalo. Máis tarde, ollando pola fiestra mentres fumaba un cigarriño, cheguei á conclusión de que, como no anuncio, ía ser que non. Non vaia acontecer que a algúns se lles poidan atragoar os callos neste domingo de feira á hora do xantar.