ARA SOLIS | O |
30 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.TIVERON QUE pasar vinte anos -como na novela de Dumas- do trunfo na Volta ciclista a España do ponteareá Alvaro Pino para que o ciclismo galego volvera a vibrar coas victorias de etapa -esta vez no tour de Francia- de Marcos Serrano e Oscar Pereiro. Non é de estrañar que na nosa terra saian bos ciclistas -sobre todo escaladores- pola orografía propia do noso país e porque, a falta de carnés de conducir, a bicicleta foi sempre un medio de transporte moi socorrido, como o foron fai anos as motocicletas de pouca cilindrada e agora os coches sen carné. O galego sempre tivo que moverse -a maioría das veces obrigado- fose para traballar, ir de festa ou enterro e ata para mercar ou tomar as cuncas na taberna da vila do lado. E sempre soubo buscarse a vida. Faláronme dun señor de Santa Comba xa entrado en anos do que é normal que baixe cantando ao Feirón de Baio todos os meses na súa bicicleta sen marchas. E á volta sobe a costa da Ferradura coma se nada, o único medo que ten é á posibilidade de que lla rouben. E o meu amigo Manolo o Goladeiro segue indo a traballar todo os días dándolle aos pedais -chova, vente ou faga sol- sempre sorrinte e cun farias na boca. ¡Pena dun bo adestrador!