ARA SOLIS | O |
14 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.MARÍA E MANOEL. Son parella dende hai cincuenta anos. Ela comprira 18 anos e el 17 cando casaron. Nin tiñan presa ningunha para pasar polo altar, pero o amor sí. Namoráranse nunha festa da aldea. El viñera invitado á casa dun parente e víranse na corredoira de camiño para a misa e xa non sacaron ollo un do outro. Os dous triparon terróns a eito, tantos que non habería neste mundo quen os contase. Cortaron toxo no monte e cada verán enchían a eira de leña para o inverno. A Manoel oíaselle asubiar polas mañáns cando ía cos carros de esterco cara a agra. Cando houbo algún apuro na casa, el marchou para a Suíza. Alá estivo dous anos. Polo día traballaba nunha canteira e pola noite dormía nun barracón. Aforrou canto poido e cos cartos amañaron a casa e máis mercaron un tractor. Mentres el estaba no estranxeiro, ela labraba e sachaba as leiras, iba á leña ao monte, arranxaba os dous fillos para a escola, repartía o leite polas casas que llo tiñan encargado, facía a comida, estraba e acomedaba os animais e, pola noite, aínda tiña tempo para coser e remendar. O outro día ían os dous polo paseo marítimo do pobo vestidos con chándal para as clases de ximnasia. A ela ninguén lle botaría os setenta anos.