O cabodano

ELISA ÁLVAREZ CASAIS

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

14 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ERA UNHA mañá clara de marzo. Erguinme un pouco máis cedo do habitual e almorcei vendo a tele. En todas as canles, os telexornais repetían as mesmas imaxes. Madrid non era quen de espertar dun pesadelo envolto en fume e confusión. Era o caos. Os teletipos en subtítulos non deixaban de traer novas cada vez peores. Ao parecer, un atentado acababa coa vida de 25 persoas, aínda ninguén se fixera cargo dos feitos. Collín o coche para ir ao traballo, con máis fortuna, a Deus gracias, que todos aqueles inocentes que, coma min, se ergueran ben cedo para ir os seus chollos naquela súa derradeira mañá. As víctimas, xente paisana, ían en aumento cada quilómetro, e a autoría dos feitos seguía sendo anónima. Pasáronseme mil ideas pola cabeza; aquelo era demasiado, pero a confusión era tan grande que todos miraban na mesma dirección. ¿Quen nos ía dicir que estabamos no punto de mira de tamaños fanáticos? Os días que seguiron sumáronse as imaxes de dor e aquel silencio que se apoderou dos que puderon saír do inferno, e todos sentimos o seu dor no corazón. O terror apoderouse de nós, o medo e a inquietude daqueles días que agora se nos antoxan tan lonxanos, e que todos agardamos que máis nunca se volvan a repetir.